Saltar ao contido

A ventá indiscreta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A ventá indiscreta
Póster do filme.
Ficha técnica
Título orixinalRear Window
DirectorAlfred Hitchcock
ProdutorAlfred Hitchcock
GuiónJohn Michael Hayes
IntérpretesJames Stewart
Grace Kelly
Wendell Corey
Thelma Ritter
Raymond Burr
MúsicaFranz Waxman
FotografíaRobert Burks
MontaxeGeorge Tomasini
DistribuidoraParamount Pictures Universal Pictures (1983-presente)
Estrea 1 de agosto de 1954
Galicia 1 de maio de 2005
Duración112 minutos
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos
XéneroSuspense
Orzamento$1 000 000
Recadación$36 764 313
Na rede
IMDB: tt0047396 Filmaffinity: 802694 Allocine: 983 Rottentomatoes: m/1017289-rear_window Mojo: rearwindow Allmovie: v40584 TCM: 87777 Metacritic: movie/rear-window TV.com: movies/rear-window
Facebook: RearWindowFilm BNE: XX3944032 Editar o valor en Wikidata

A ventá indiscreta (en inglés: Rear Window) é un filme estadounidense de suspense 1954 dirixido por Alfred Hitchcock. O guión de John Michael Hayes baséase no relato curto de Cornell Woolrich It Had to Be Murder (‘Tiña que ser asasinato’). A película ten como protagonistas a James Stewart no papel do fotorreporteiro "L.B. Jefferies", a Grace Kelly no papel da súa moza "Lisa Carol Fremont", que traballa de modelo, e Raymond Burr como "Lars Thorwald", sospeitoso de asasinato.

A ventá indiscreta combina o tema principal do misterio que rodea o asasinato co exame crítico da ética do matrimonio e do voyeurismo. O filme é considerado por cineastas, amantes e estudosos do cinema unha das mellores e máis longametraxes de Hitchcock.[1] Obtivo catro nomeamentos ós Óscar: ó mellor director, á mellor fotografía en cor, ó mellor guión e ó mellor son.

Estreouse en galego na TVG o 1 de maio de 2005.[2]

A ventá indiscreta, fotograma do trailer

"Jeff", L.B. Jefferies (James Stewart), un fotógrafo profesional encóntrase confinado ó seu apartamento de Greenwich Village tras un accidente laboral que o deixa cunha perna escaiolada.

Aburrido por non ter que facer e pola pouca mobilidade da que dispón, comeza a espiar os seus veciños desde detrás dunha ventá co teleobxectivo da súa máquina de fotos.

Lisa (Grace Kelly) aproveita a ocasión para insistir a Jeff sobre o seu matrimonio e a posibilidade de facerlle abrir un estudio para telo máis preto e non de xira polo mundo. O reporteiro, non obstante, impelido polo seu novo hobby, quere manter a súa relación no punto en que está, imaxinando que de calquera outro xeito estaría destinada ó fracaso polas diferenzas insalvables dos seus estilos de vida.

A visión que ten dos varios apartamentos do edificio de diante da súa casa, do patio e das persoas que viven nel fan que, cada vez máis obsesionado coa vida dos seus veciños, Jeff observe con fruición os dramas persoais que sen sabelo eles representan ante os seus ollos. Está “Miss Lonelyhearts”, desesperada polo seu amor imaxinario co que pretende sentar á mesa e ter unha conversa. Está o compositor en crise, que aporrea con frustración o piano, a escultora solteira con paranoias artística, a bailarina, os acabados de casar que se esconden dos veciños, e a parella de mediana idade co seu can ladrador que dorme na escaleira de incendios para evitar a calor do apartamento...

E finalmente está o misterioso comercial coa súa rosmona muller inválida, que desaparece repentinamente da escena. Jeff entón chega a sospeitar que no edificio de enfronte o vendedora Lars Thorwald (Raymond Burr) acaba de matar a súa muller e de facela desaparecer. A onde ía ir ela? A súa ausencia, a terra do xardín, a insistencia do can dos outros inquilinos, os ires e vires de noite no seu apartamento todo parece conducir a que aquel asasinou a muller. O seu amigo Thomas Doyle (Wendell Corey), a súa enfermeira Stella (Thelma Ritter), e a súa moza Lisa, coidan ó primeiro que as súas sospeitas están causadas polo seu estado sedentario, contrario ó que era normal nel, pero acaban colaborando na investigación que pretende levar a cabo.

Mais o principal brazo executor será Lisa, que se amosará valente e intrépida como Jeff nunca podería remotamente sospeitar, arriscando a propia vida para axudar ó seu home a atopar as probas de que efectivamente Thorwald matou a muller.

O punto de vista

[editar | editar a fonte]

Case toda a película está filmada dende dentro do cuarto de Jeff e a meirande parte das tomas están feitas tomando como referencia o punto de vista de Jeff. Con todo, nos puntos clave da película, esta regra rómpese (normalmente cun punto de vista dual ou triplo, mais tamén con tomas dende Doyle, Stella, e Lisa).

Hai, ademais, polo menos, un momento en que o espectador ve algo mentres Jeff está durmindo, e en dúas secuencias clave, os personaxes son vistos dende ángulos imposibles de ver dende a ventá de Jeff. Esta tendencia aumenta ó longo do filme ata a secuencia final, cando o punto de vista de Jeff está case completamente subvertido.

Do personaxe de Lars Thorwald non aparecen primeiros planos nin se oe claramente a súa voz ata o clímax do filme. Neste punto, aparece no cuarto de Jeff. Esta escena mostra unha secuencia tomada desde o punto de vista de Thorwald en canto que intenta achegarse a Jeff, pero é detido repetidamente na medida en que Jeff o cega co flash da súa cámara.

Nos Academy Awards de 1955, o filme conseguiu estes nomeamentos:

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]