Saltar ao contido

A Teixeira, Hermisende

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


A Teixeira (La Tejera en castelán e oficialmente) é unha localidade do concello de Hermisende, na provincia de Zamora (Castela e León). Encóntrase situada ao noroeste da provincia, próxima á provincia de Ourense e á fronteira coa rexión portuguesa de Trás-os-Montes. Pertence ás Portelas, unha subcomarca da bisbarra histórica e tradicional de Seabra. As localidades de Castromil, Hermisende, San Ciprao e Castrelos, xunto coa Teixeira, conforman o termo municipal de Hermisende. A Teixeira pertenceu a Portugal ata a Guerra de Restauración portuguesa.

Localización

[editar | editar a fonte]

Encravado no Val da Gamoneda, o seu termo limita con:

No seu termo nace o río Gamoneda, cuxas augas se desprazan en dirección sur para internarse na veciña Portugal. Neste último país entra a través da paraxe denominada Baceiro, sendo este último nome o que designará a este río durante o seu percorrido polo territorio luso, desprendéndose do seu orixinario nome de Gamoneda. O río Gamoneda ou o río Baceiro, son polo tanto dous nomes distintos que denominan a un mesmo río con orixe na Serra Gamoneda.

Existen antigas pegadas do seu antigo poboamento. Nas inmediacións da súa zona urbana atópase os restos dun antigo castro, denominado "Castelo de Moros", aínda que tamén se lle denominou "do mal veciño" e "Castelo do Rei Bamba. A tradición oral asóciao cun poboado mouro, aínda que os testemuños arqueolóxicos o vencellan e retrotraen aos castros celtas que existiron con anterioridad.[1]

Patrimonio

[editar | editar a fonte]

O seu principal edificio é a igrexa parroquial da nosa Señora do Piar. Encóntrase situado no centro do pobo, despois de edificarse con pedra de granito labrada. A súa fábrica responde á arquitectura tradicional específica da bisbarra de Seabra. Esta parroquia pertenceu ata 1875 á Diocese de Astorga, despois de pertencer ata entón á de Ourense.

Un dos aspectos máis rechamantes desta localidade é a singularidade do seu fala, xurdida como consecuencia de factores históricos e socioculturais derivados da súa posición fronteiriza con Galicia e Portugal, e que actualmente amosa claras evidencias dunha notable influencia recibida da lingua galega e portuguesa.[2]

A peculiaridade da fala de Hermisende e os seus anexos (A Teixeira, San Ciprián, Castrelos e Castromil) levou a algúns lingüistas a encadralo nalgunha das formas dos dialectos galego-portugueses, sen que exista na actualidade unha unidade doctrinal.[2]

A formación desta fala se remonta á Idade Media, e ten a súa orixe no carácter fronteirizo do seu territorio, en constante disputa por parte dos distintos reinos existentes ao longo da historia, situación que provocou un continuo desprazamento da liña de fronteira e que, en máis dunha ocasión, situou a este territorio como terra de ninguén. Tamén houbo múltiples intentos por alcanzar unha delimitación oficial e definitiva, como a acaecida durante o reinado de Afonso IV de Portugal (1325-57), co nomeamento de comisións para a delimitación fronteiriza hispano-lusa.[2]

Durante a Guerra de Restauración portuguesa (1640), as poboacións de São Cibrão, Ermesende e A Teixeira, ata entón portuguesas, desmarcáronse da causa do novo rei luso, Xoán IV de Portugal, e do sentir xeneralizado da provincia de Trás-os-Montes, motivo polo que ficaron definitivamente vencelladas a España.[2]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]