A Micro Pechado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Micro Pechado
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

A Micro Pechado é unha publicación mensual de oito páxinas editada na cidade de Barcelona pola entidade Espazos Radiofónicos Galegos en Cataluña (Ergac), escrita maioritariamente en lingua galega e con algunhas colaboracións en catalán. O seu obxectivo é cubrir a actualidade galega en Cataluña e servir de ponte entre as dúas culturas.[1]

O primeiro número do A Micro Pechado apareceu no mes de abril do ano 2000 e o último en 2017. Contén artigos de opinión, tiras cómicas, recomendacións de libros e discos, entrevistas e unha axenda das actividades culturais galegas en Cataluña.

Historia[editar | editar a fonte]

A revista pasa por dúas xeiras. Na primeira xeira, dos números 1 a 100, conta cun formato de boletín en branco e negro a catro follas e periodicidade mensual e distribución baixo subscrición e de balde en locais de referencia para a emigración galega e mais para o activismo catalán.

Os primeiros puntos de distribución en Barcelona son: Universitat Pompeu Fabra (Xornalismo), Universitat de Barcelona, Galería de Sargadelos, Escola Oficial d'Idiomes, Centre Cívic Drassanes, Centre Cívic Pati Llimona, Centre Cívic Guinardó, Ateneu de Nou Barris, Centro Galego de Barcelona, Restaurante Compostela, Restaurante Rincón de Galicia, Bar Tio Canya, Restaurante Vía Fóra, Pub Clansman e pub El Nus.[2]

Na segunda xeira, dos números 100 a 132, aumenta ata 8 páxinas, a cores e ilustrada, distribúese por subscrición e por correo electrónico e vai reducindo a periodicidade; desde o número 100 distribúese só por correo electrónico. Antón Fernández Escuredo, foi o creador do boletín, con Ana Belén Real, e o seu primeiro director.

Levaba xa un tempo coa idea de que había un oco moi grande a nivel informativo na emigración galega en Barcelona. No ano 2000 presentei a idea nunha reunión de ERGaC. Pensaba que poderiamos chegar a toda esa xente á que non chegabamos polas ondas, e a outros barrios onde non emitiamos. Tamén poderiamos dar voz á xente que daquela non a tiña ou que non se podía desprazar aos programas e, por que non, facer un pouco de historia recuperando as actividades que faciamos as entidades galegas. Sería unha maneira de deixar para o futuro, mes a mes, todo o que acontecía no mundo galego de Catalunya…. Dábanos moitísimo traballo. Eu preparaba os textos e Ana Belén Real maquetaba. Logo contabamos con tres ou catro colaboradores.[3]

O humorista gráfico Xosé Manuel Fernández Montes foi o seu segundo director e Helena Domínguez asumiu o cargo a partir do número 100. Entre outras, contou coa colaboración dos escritores Lito Caramés, Eduard del Castillo, a poeta Eva Méndez doRoxo, o humorista Alberte Montes, Paulo Jablonski, Martí Aviñoá, os editores da edición Cataluña de Vieiros, Xurxo Bértola e Francisco Xabier Paradelo, o dramaturgo Daniel Salgado, a tradutora Fina Iglesias e os profesores da Universidade de Barcelona Basilio Losada, Helena González e Camilo Valdehorras.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Helena Domínguez: Servimos de ponte entre a cultura galega e a catalá". Sermos Galiza (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de abril de 2019. Consultado o 2019-04-24. 
  2. "Vieiros: Galiza Hoxe - Sae A micro pechado, voceiro de ERGaC". www.vieiros.com. Consultado o 2019-04-24. 
  3. "A micro pechado, n. 100" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de abril de 2019. Consultado o 2019-04-24. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]