Íbico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Íbico
Nacementoséculo VI a. C.
Lugar de nacementoReggio de Calabria
Falecementoséculo VI a. C.
Lugar de falecementoCorinto
Ocupaciónescritor e poeta
editar datos en Wikidata ]

Íbico, (en grego antigo, Ἴβυκος), nado en Rhegium, na Magna Grecia italiana, foi un poeta lírico grego do século VI a.C. Foi contemporáneo do tamén poeta lírico Anacreonte. Estaba incluído na canónica lista dos Nove poetas líricos da entón helenística Alexandría.

Malia a desafogada e despreocupada situación económica familiar, viviu unha vida de aventuras e pasou unha considerábel parte da súa vida na corte de Polícrates, tirano de Samos, por quen foi protexido. Cóntase así a historia da súa morte: Mentres estaba na veciña vila de Corinto, o poeta foi mortalmente ferido por uns ladróns. Mentres xacía moribundo, viu un numeroso grupo de grúas que voaban sobre a súa cabeza, ás que invitou a vingar a súa morte. Os ladróns (que eran de Corinto), logo da súa criminal acción dirixíronse ao teatro a ver unha representación. Alí apareceron as grúas. Un dos ladróns, nun xesto de burla ao ver as grúas, berrou: Observade aos vingadores de Íbico!, e así eles mesmos deron a pista para a súa detención polo crime cometido [1]. A frase "as grúas de Íbico" converteuse así nun proverbio entre os gregos polo descubrimento do crime a través da intervención divina.

Obra poética[editar | editar a fonte]

Segundo o Suda, Íbico escribiu sete libros de lírica, ata certo punto mítica e heroica, pero xeralmente erótica [2], celebrando os encantos dos máis novos e as raparigas fermosas. Foi soado polo carácter pederasta da súa literatura, algo que aos antigos gregos non lles parecía mal: "IÍbico, que escolleu o doce florecer de Persuasión e o amor dos rapaces." [3]. Considérano o inventor ou introdutor do eloxio (escribiu o do tirano Polícrates) e o seu poema Xogos para Pelia é de carácter épico-lírico. Pero deses sete libros só subsistiu un centenar de versos. Os antigos gregos comparábano a Estesícoro no tratamento dos temas míticos (a Guerra de Troia, a expedición dos Argonautas), pero o pouco que del se conservou, con todo, revela unha sensíbel diferenza e independencia, proba da diversidade de estilo do poeta. Algunhas das súas fórmulas foron retomadas polo poeta latino Horacio. A balada do poeta romántico alemán Friedrich Schiller As grúas de Íbico celebra a súa famosa lenda. F.G. Welcker suxire que as súas obras eran cantadas por coros de raparigos nas competicións de beleza que se levaban a cabo na illa de Lesbos. Aínda que a súa métrica e o seu dialecto eran dóricos, os poemas teñen o espírito da poesía melódica eólica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Plutarco, De Garrulitate, xiv.
  2. Cicerón, Tusc. Disp. iv. 33
  3. Antoloxía grega, IX,184

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]