Ética feminista
| Ética feminista | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata | |||||||||
A ética feminista é unha abordaxe ética baseada no feito da desvalorización histórica da perspectiva moral das mulleres e as súas experiencias e, polo tanto, escolle reinventar a ética a través dunha abordaxe e visión holística feminista.[1]
Concepto
[editar | editar a fonte]As filósofas feministas critican as teorías éticas clásicas como preminentemente enfocadas na perspectiva histórica masculina, sen ter en conta a experiencia sociocultural da muller. As cuestións relativas ao coidado e moralidade foron relegadas á vida privada e familiar, as responsabilidades eran tradicionalmente consideradas como asuntos triviais. Xeralmente, as mulleres son retratadas como eticamente inmaturas e superficiais en comparanza cos homes. Autores como Lawrence Kohlberg, que levou a cabo para a creación da súa Teoría do Desenvolvemento Moral estudos que, dende unha perspectiva androcéntrica, situaban ás nenas como inferiores intelectualmente; ou Immanuel Kant, que afirmou que as mulleres non posúen racionalidade. A ética tradicional premia trazos culturalmente masculinos como "a independencia, a autonomía, o intelecto, as ganas, a desconfianza, a xerarquía, a dominación, a cultura, a transcendencia, o produto, o ascetismo, a guerra e a morte",[2] e dá menos peso a trazos historicamente considerados femininos como "interdependencia, comunidade, conexión, repartición, emoción, corpo, confianza, ausencia de xerarquía, a natureza, a imanencia, o proceso, a alegría, a paz e a vida."[2] A ética tradicional é convencionalmente orientada á perspectiva vital masculina, e a razón moral é visualizada a través dun cadro de regras, dereitos, universalidades e imparcialidades. As abordaxes "femininas" para a razón moral salientan as relacións, responsabilidades, particularidades e parcialidades.[2]
Ética do coidado
[editar | editar a fonte]A base principal desta ética é a concepción do mundo como unha rede de relacións nas que se insire o "eu". Neste contexto pódese salientar a definición de coidado ofrecida por Tronto e Bernice Fisher, que o interpretan como unha actividade que inclúe todas as accións que acometemos para manter, conter e reparar o mundo para que así poidamos vivir nel. Este mundo incluiría os nosos corpos, nós mesmos e a nosa contorna. Esta ética xorde como alternativa lexítima á perspectiva da xustiza da teoría liberal dos dereitos humanos. A teoría ética do coidado critica ás éticas da xustiza pola súa falta de contextualidade á hora de abordar un problema moral, e resalta a necesidade de ter en conta o contexto relacional á hora de exercer un xuízo ético.
Estas éticas están tradicionalmente atribuídas ás mulleres e ao feminismo pola súa relación coa maternidade. Por exemplo, Gilligan afirma que "a sensibilidade das necesidades dos demais e o asumir a responsabilidade por coidar deles, levan ás mulleres a escoitar voces distintas ás súas e a incluír nos seus xuízos outros puntos de vista", así a forza moral das mulleres resulta "nunha preocupación predominante polas relacións e responsabilidades". Este discurso foi criticado e correxido posteriormente por outras teóricas feministas, baixo o argumento de que a asociación da maternidade como inherente á muller é un discurso esencialista.
Carol Gilligan e Nel Noddings son expoñentes dunha ética do coidado feminista que critica a ética tradicional como deficiente na medida en que carece, despreza, banaliza ou ataca os valores e virtudes culturais das mulleres. No século XX, as éticas feministas desenvolveron unha variedade de enfoques feministas da ética centrados no coidado, en comparación cos enfoques da ética non feministas centrados no coidado, as feministas tenden a apreciar máis plenamente o impacto das cuestións de xénero. As éticas feministas centradas no coidado notan as tendencias das sociedades patriarcais a non apreciar o valor e os beneficios das formas de amar, pensar, traballar e escribir das mulleres e tenden a ver ás mulleres como subordinadas.
Na teoría de autoras de ética do coidado abórdanse cuestións como o esencialismo de xénero, a interseccionalidade, o capacitismo, o especismo, o racismo e colorismo, o amor, a cultura ou a psicoloxía. A perspectiva do coidado pretende aportar unha visión contextual e relacional á teorización ética, corrixindo a visión historicamente masculina.
As éticas do coidado foron obxecto de debate dentro do propio feminismo, especialmente por parte das éticas feministas da xustiza, que cuestionan se caracterizar o coidado como algo feminino reforza os roles de xénero e as cargas asociadas socialmente ás mulleres, excluíndo aos homes do coidado. Criticouse tamén que estas éticas discriminan ás persoas que carecen de relacións achegadas que lles proporcionen coidados ou cuxos coidadores non teñan os recursos suficientes.
Ética da xustiza
[editar | editar a fonte]As éticas feministas da xustiza constitúen unha corrente feminista que sostén o feito de que cada cal reciba o que lle toca é incompatible co que implican o sexismo, o patriarcado e as súas consecuencias e, que, polo tanto, deben ser rexeitados.
Fundamentos centrais
[editar | editar a fonte]Para as posicións feministas da xustiza resulta central o rexeitamento da idea de que a consideración que se lle debe dar a alguén deba estar relacionada con factores ligados ao xénero. Para estas non é aceptable que tales factores determinen que haxa quen estea nunha situación mellor ou peor. A motivación fundamental para a formulación destas éticas é a defensa de quen sofre inxustizas, para que poidan ter unha existencia plena e non oprimida por estas. Así, o seu propósito é erradicar o sexismo e todos os seus efectos por ser este inxusto.
Compatibilidade con diversas perspectivas
[editar | editar a fonte]Este fin é compatible con múltiples concepcións da xustiza e con distintas formas de entender os mecanismos mediante os que operan as estruturas inxustas. Por iso, estas éticas poden defenderse adoptando posturas moi diversas, sen ter que aceptar necesariamente a idea de que os individuos son autónomos.
Pluralidade de enfoques
[editar | editar a fonte]Existen tamén posicións que combinan os enfoques da xustiza e do coidado, defendendo un enfoque que cuestione os roles de xénero pero que prescriba a posesión dun carácter moral atento á situación de quen necesita axuda, ou complementando o recoñecemento de garantías universais cun enfoque sensible ás relacións emocionais e ao contexto.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jaggar, A.M. (1994). Living with Contradictions: Controversies in Feminist Social Ethics, Boulder, CO: Westview Press.
- Gilligan, C. La moral y la teoría: psicología del desarrollo femenino, Fondo de Cultura Económica, 1994.
- Pateman, C. (2019 [1988]) El contrato sexual, Madrid: Ménades
- Kittay, E. F. (2013 [1999]). Love’s labor: Essays on Women, Equality and Dependency. Routledge.
- Okin, S. M. (1989) Justice, Gender, and the Family, New York: Basic Books
- Nussbaum, M. C. (1999) Sex and Social Justice, Oxford: Oxford University Press
- Benhabib, S. (2020) Situating the Self: Gender, Community, and Postmodernism in Contemporary Ethics, Nueva York: Routledge
- Agra Romero, M. X. (2016) ¿Olvidar a Clitemnestra?: sobre justicia e igualdad, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela
- Hampton, Jean, 1997, Political Philosophy, Boulder: Westview Press
- MacKinnon, Catherine A., 2001, Sex Equality, New York: Foundation Press
- Young, Iris Marion, 2000, La justicia y la política de la diferencia, Madrid: Cátedra
- Friedman M. (1987) "Beyond Caring: The De-Moralization of Gender", Canadian Journal of Philosophy Supplementary Volume, 13, 87–110, pp. 105–110
- Card, C. (1990) "Caring and Evil", Hypathia, A Journal of Feminist Philosophy, 5, 101–108
- Card, C. (1996) The Unnatural Lottery: Character and Moral Luck, Philadelphia: Temple University Press, cap. 4
- Held, V. (1995) "The Meshing of Care and Justice", Hypatia, 10, 128–32
- Sevenhuijsen, S. (2003) Citizenship and the Ethics of Care: Feminist Considerations on Justice, Morality and Politics, Nova York: Routledge
- Tronto, J. (1994) Moral Boundaries: A Political Argument for an Ethic of Care, New York: Routledge
- Larrabee, M. J. (ed.) (1993) An Ethic of Care: Feminist and Interdisciplinary Perspectives, New York: Routledge