Ánodo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O ánodo é un eléctrodo no que se produce unha reacción de oxidación, mediante a cal un material, ao perder electróns, incrementa o seu estado de oxidación.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Michael Faraday (na serie VII das Experimental Researches in Electricity) utilizou por primeira vez o termo, co significado de "camiño ascendente" ou "de entrada" [do grego ανά (aná): cara a arriba, e οδός (odós): camiño], pero referido exclusivamente ao electrólito dunha cela electroquímica. A súa vinculación ao polo positivo do correspondente xerador implica o tránsito da corrente eléctrica polo circuíto exterior dende o polo positivo ata o negativo; é dicir, transportada por cargas positivas.

A polaridade do ánodo, positiva ou negativa, depende do tipo de dispositivo e, ás veces, do modo como opera, pois se establece segundo a dirección da corrente eléctrica, atendendo á definición universal deste fenómeno.

Parecería lóxico definir o sentido da corrente eléctrica como o sentido do movemento das cargas ceibes. Porén, se o condutor non é metálico, tamén hai cargas positivas en movemento polo condutor externo (o electrólito da cela), e calquera que sexa o sentido conveniente existirían cargas movéndose en sentidos opostos. Polo tanto adóptase o convenio de que a súa definición do sentido da corrente sexa "o percorrido polas cargas positivas (catións), e que en consecuencia é do positivo ao negativo: ánodo → cátodo.

No caso de válvulas termoiónicas, fontes eléctricas, pilas etcétera, o ánodo é o eléctrodo ou terminal de maior potencial. Nunha reacción redox corresponde ao elemento que se oxidará.

Válvulas termoiónicas[editar | editar a fonte]

O ánodo das válvulas termoiónicas recibe a maior parte dos electróns emitidos polo cátodo. Cando se trata de tubos amplificadores (tríodos, tétrodos ou péntodos) e sobre todo se son válvulas de potencia, este eléctrodo xera a calor que ocorre no tubo, a cal debe disiparse. Para iso existen dous procedementos, segundo os casos de:

  • Gran potencia. O ánodo acóplase termicamente a un disipador no exterior da válvula, que se refrixera mediante a circulación de aire, vapor, aceite etcétera.
  • Menor potencia. Neste caso os ánodos son grandes, cunha ampla superficie cara ao exterior, de modo que disipan por radiación.

A orixe desta calor está na enerxía que adquiren os electróns ao seren sometidos á diferenza de tensión entre ambos os eléctrodos. Ao impactaren contra o ánodo cédenlle a este a súa enerxía, que se disipa por calor.

Ánodos especiais[editar | editar a fonte]

Certas válvulas conteñen ánodos epeciais, como no caso dos tubos de raios X (tubo Röntgen). Os raios X xéranse ao incidiren electróns de grande enerxía contra os átomos do ánodo, comunmente de volframio ou de molibdeno. A enerxía destes electróns, ademais de emitirse en forma de raios X, quenta enormemente o ánodo. Por iso está provido de disipadores, por aire ou por auga. Adoitan ser rotatorios, cun motor que os impulsa para repartir a incidencia dos electróns por unha superficie vasta.

Nos tubos de raios catódicos o ánodo envolve a pantalla. Está conetado a ela por unha fina capa de aluminio depositada sobre o tubo. O ánodo dos magnetróns adoita adoptar forma de cavidades resoantes á frecuencia de funcionamento.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]