Wikipedia:Sobre Galicia/decembro 2008

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coñécese como Couto Mixto (Couto Misto en portugués) a un antigo territorio autónomo que se asentaba sobre os actuais concellos de Calvos de Randín e Baltar, ao sur da provincia de Ourense, lindante co actual concello portugués de Montalegre. Ata o tratado de Lisboa de 1864 cada veciño elixía libremente a nacionalidade española ou portuguesa.
O Couto Mixto estaba constituído polos lugares actuais de Santiago e Rubiás (ambos os dous na parroquia de Rubiás dos Mixtos, concello de Calvos de Randín) e mais As Maus (este lugar das Maus coñecíase como Meaus na época do Couto Mixto) (na parroquia de Tosende, concello de Baltar), tendo en conxunto unha superficie de 26,9 km2. A poboación, en opinión de Madoz no ano 1845, podía cifrarse en 200 veciños, equivalentes a uns 800-900 habitantes. Hoxe en día entre estas tres aldeas tan só suman 200 habitantes.