Wikipedia:Artigo destacado/xullo 2016

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Amy Winehouse, nada en Londres, Inglaterra o 14 de setembro de 1983 e finada na mesma cidade o 23 de xullo de 2011, foi unha cantante e compositora inglesa recoñecida polo seu alcance vocal contralto, destacando pola mestura ecléctica de xéneros musicais, incluíndo soul, rhythm and blues, jazz e reggae. O seu álbum de debut do ano 2003 Frank foi valorado positivamente pola crítica especializada e resultou comercialmente un éxito no seu país natal, o Reino Unido; foi candidato ó premio Mercury Prize.

O seguinte álbum de Winehouse do ano 2006, Back to Black, levou cinco premios Grammy, incluíndo a Mellor Artista Revelación, Gravación do Ano e Canción do Ano. Gañou ademais un World Music Award e tres premios Ivor Novello; no 2004 á Mellor Canción Contemporánea por Stronger Than Me, no 2007 de novo Mellor Canción Contemporánea, esta vez por Rehab e no 2008 Mellor Canción Lírica e Musicalmente por Love Is a Losing Game, tamén gañou o Brit Aware á Mellor Artista Feminina Británica de 2007, sendo tamén candidata ó Mellor Álbum Británico con Back to Black.

Recibiu a atención dos medios de comunicación por causas alleas ó seu talento musical, fixándose na súa polémica vida persoal. O seu estilo distintivo, as tatuaxes e o peiteado beehive, os seus problemas xurídicos constantes, dependencia das drogas e máis do alcohol e as complicacións médicas polo seu comportamento autodestrutivo foron fonte de titulares dende o 2007. Morreu por intoxicación etílica o 23 de xullo de 2011 á idade de 27 anos, revelándose o motivo meses despois da súa morte, que nun principio fora asociada ás súas múltiples adiccións.