Wikipedia:Artigo destacado/decembro 2013

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os pelicanos son aves de grande tamaño pertencentes ao xénero Pelecanus. O máis característico dos pelicanos é o seu longo peteiro e a súa grande bolsa gular, que utilizan para capturar as presas das que se alimentan e drenar a auga do contido alimenticio que apañaron antes de tragalo. Teñen predominantemente unha plumaxe clara. As bolsas gulares e a pel espida facial de todas as especies adquire brillantes cores durante a estación de apareamento. As oito especies vivas de pelicanos teñen unha distribución global dispersa, que en latitude vai desde os trópicos ás zonas temperadas, aínda que están ausentes no interior de Suramérica e nas rexións polares e o mar aberto. En Galicia as únicas especies de pelicanos que se puideron ver raramente son P. onocrotalus e P. crispus. Os pelicanos viven fundamentalmente nas áreas de augas costeiras e interiores, xa que se alimentan principalmente de peixes, que capturan na superficie ou preto da superficie da auga. Son aves gregarias, que a miúdo pescan cooperativamente e crían formando colonias. Catro das especies de plumaxe branca adoitan aniñar no chan, e as catro especies máis grises ou pardas aniñan principalmente nas árbores. Os pelicanos foron perseguidos nalgúns países porque se consideraba que competían coa pesca comercial e recreativa. Sufriron tamén pola destrución do seu hábitat, molestados polas actividades humanas ou pola polución, e actualmente a conservación de tres especies está en perigo. Tamén tiveron unha importancia cultural na mitoloxía, e na iconografía cristiá e heráldica.