Voo 301 de Palair Macedonian Airlines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Voo 301 de Palair Macedonian Airlines
O avión dúas semanas antes do accidente
Resumo
Data  5 de marzo de 1993
Causa  xeo atmosférico
Lugar  preto de Skopje
Coordenadas  Coordenadas: 41°58′33″N 21°36′59″L / 41.97583333, 21.61638889
Orixe  aeroporto de Skopje
Destino  aeroporto de Zúric
Finados  83
Feridos  14
Aeronave
Tipo de aeronave Fokker 100
Operador  Palair Macedonian Airlines
Rexistro  PH-KXL
Pasaxeiros  92
Tripulación  5
Superviventes  14

O voo 301 de Palair Macedonian Airlines era un servizo regular internacional de pasaxeiros dende o aeroporto de Skopje e o aeroporto de Zúric. O día 5 de marzo de 1993 o Fokker 100 que operaba a ruta esnafrouse pouco despois da engalaxe.

Morreron 83 persoas, 79 pasaxeiros e 4 tripulantes, e 14 sobreviviron. Na época foi o accidente de aviación con máis vítimas mortais en Macedonia do Norte. Foi superado poucos meses despois cando un Yakovlev Yak-42 se esnafrou nunha montaña preto de Ohrid. No momento foi o peor accidente dun Fokker 100, un récord que mantivo ata o accidente do voo 402 de TAM o 31 de outubro de 1996. O voo 301 segue sendo o segundo peor accidente dun Fokker 100.[1]

A investigación do desastre, que tivo a axuda dun equipo neerlandés, concluíu que a causa do accidente fora a acumulación de xeo nas ás do avión. Esta acumulación fixo que se deteriorase a sustentación do avión. O incumprimento do procedemento correcto para manexar a formación de xeo atmosférico tamén se citou como unha das causas do accidente.

Avión[editar | editar a fonte]

O aparello implicado no accidente era un Fokker 100 con rexistro PH-KX e número de serie 11393. O avión era novo, fora construído en 1992 e fora entregado a Palair Macedonian Airlines o 27 de xaneiro de 1993.[2] No momento do accidente tiña só 188 horas de voo en 136 ciclos.[3]

Pasaxeiros e tripulación[editar | editar a fonte]

O voo 301 levaba 92 pasaxeiros e 5 tripulantes. A meirande parte dos pasaxeiros eren albano-kosovares que ían traballar a Suíza.[3]

O piloto ao mando, que non pilotaba o avión no momento do accidente, era o neerlandés de 49 anos Peter Bierdrager. O seu derradeiro recoñecemento médico fora en 1992 e acumulaba un total de 11 200 horas de voo, das cales 1 180 eran no Fokker 100. Ademais de ter a licenza do Fokker 100, Bierdrager tamén tiñas as licenzas para voar nos Fokker F-27, Fokker 28 e Fokker 50. O primeiro oficial era un piloto macedonio de 34 anos con 5 580 horas de experiencia, 65 delas no Fokker 100. Antes de traballar en Aircraft Trading and Financing fora piloto da aeroliña iugoslava JAT.[3]

Accidente[editar | editar a fonte]

O voo 301 era un servizo entre Skopje e Zürich. Había 92 pasaxeiros e 5 tripulantes a bordo do avión. O Fokker 100 pertencía a Palair Macedonian Airlines, a aeroliña nacional de Macedonia do Norte. O voo, porén, estaba pilotado por membros de Aircraft Trading and Financing, unha compañía baseada nos Países Baixos, como indicaba o contrato de arrendamento.[3][4]

A autorización para a engalaxe foi dada ás 11:11. Cando o 301 engalou había unha forte nevada e unha visibilidade de 900 metros. A observación dende o chan confirmaba que a visibilidade era o suficientemente pobre como para non ver o final da pista dende a posición do voo 301. 28 segundos despois da autorización o avión estaba no aire.[3]

Dous segundos despois de engalar da pista 34, o avión comezou a sacudirse violentamente. Mentres trepaba a unha altura aproximada de 50 pés e cunha velocidade dunhas 170 millas por hora, o voo 301 virou gravemente cara á esquerda e despois cara á dereita, cun ángulo de inclinación de 50 e 55 graos. A tripulación aplicou inmediatamente aleróns e temón para corrixir a actitude do avión.[3]

A punta da á dereita golpeou o chan despois do final da pista cun ángulo de 90 graos. O voo 301 volteouse lateralmente antes de esnafarse contra o chan, partíndose a fuselaxe en tres partes. O avión estoupou e incendiouse.[3][5]

A primeira noticia do accidente foi recibida por parte dun casco azul das Nacións Unidas que escoitou o impacto mentres camiñaba cara á rampla. Inmediatamente correu ao lugar do accidente e rescatou 7 superviventes. Despois chegaron servizos de emerxencia do aeroporto e das Nacións Unidas. Ata 20 sobreviventes, dos cales 5 estaban en estado crítico, foron transladados ao hospital en Skopje. Porén, 4 superviventes morreron de camiño ao hospital. Dous máis morreron posteriormente polas feridas recibidas.[6][7][8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ranter, Harro. "Aviation Safety Network > ASN Aviation Safety Database > Fokker 100". www.aviation-safety.net. Arquivado dende o orixinal o 25 de xaneiro de 2019. Consultado o 2019-01-24. 
  2. "Palair Macedonian PH-KXL (Fokker 70/100 - MSN 11393) | Airfleets aviation". www.airfleets.net. Consultado o 2019-01-24. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "Informe final" (PDF). Netherlands Aviation Safety Board. Consultado o 2019-1-24. 
  4. "Accident details". planecrashinfo.com. Consultado o 2019-01-24. 
  5. Gero, David (1996). Aviation Disasters Second Edition. Patrick Stephens Limited. p. 225.
  6. "Plane carrying 97 crashes during snowstorm takeoff". Sunday Times Sentinel. 7 de marzo de 1993. 
  7. Press, The Associated (1993-03-06). "Jet Crashes in Macedonia Storm". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2019-01-24. 
  8. "Macedonia air crash kills 79". The Independent (en inglés). 1993-03-06. Consultado o 2019-01-24.