Virus Coxsackie B

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Virus Coxsackie B
Virus Coxsackie B4
Virus Coxsackie B4
Clasificación científica
Grupo: IV (Virus ARN monocatenario positivo)
Familia: Picornaviridae
Xénero: 'Enterovirus'
Especie: 'Enterovirus B'
Subtipo

virus Coxsackie B

Coxsackie B é o nome dun grupo de seis serotipos de enterovirus patoxénicos, que orixinan enfermidades que van desde un trastorno gastrointestinal leve a unha pericardite totalmente desenvolvida e miocardite.[1]

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Os membros do grupo Coxsackie B descubríronse case todos nos EUA, e illáronse orixinalmente en Connecticut, Ohio, Nova York, e Kentucky, aínda que o sesto membro do grupo foi illado en Filipinas.[1] Porén, todos e cada un dos seis serotipos teñen unha distribución global e son unha causa relativamente común de trastornos gastrointestinais.

Síntomas[editar | editar a fonte]

Os síntomas da infección polos virus do grupo Coxsackie B son: febre, dor de cabeza, dor de garganta, trastornos gastrointestinais, e dores de peito e musculares. Esta presentación coñécese como pleurodinia ou enfermidade de Bornholm en moitas partes. Os virus Coxsackie B nalgúns casos orixinan infeccións que progresan a miocardites e pericardites, que poden dar lugar a danos permanentes no corazón ou á morte. Os virus Coxsackie B poden orixinar tamén meninxite aséptica (e tamén os do grupo A). Os virus do grupo B son a causa máis común de morte súpeta (cardíaca) inesperada, e poden ser os responsables do 50% deses casos.[2] O período de incubación dos virus Coxsackie B vai de 2 a 6 días, e a doenza que producen pode durar ata dúas semanas, pero pode resolverse ás veces en só dous días. A infección ocorre xeralmente entre os meses de xuño e outubro nas rexións temperadas do hemisferio norte.[1]

Diagnose[editar | editar a fonte]

A infección por enterovirus diagnostícase principalmente por medio de probas serolóxicas como a ELISA[3] e por cultivos celulares.[1] Como se lle dá o mesmo tipo e nivel de coidados a todas as infeccións por virus do tipo Coxsackie B, é xeralmente innecesario para propósitos de tratamento diagnosticar que virus é o causante dos síntomas en cuestión, aínda que pode ser útil epidemioloxicamente.

Estrutura viral e función[editar | editar a fonte]

Os virus Coxsackie B son virus de ARN monocatenarios de sentido positivo, que son resistentes a unha ampla gama de tratamentos químicos. As partículas virais teñen a forma dun icosaedro duns 30 nm.[4] O virus transmítese máis frecuentemente pola vía fecal-oral, e a infección ocorre xeralmente despois de tomar comida contaminada co virus. Os virus Coxsackie B son citolíticos, e as cepas Coxsackie B2 e B5 foron implicadas na enfermidade de mans, pés e boca e en infeccións respiratorias.[1] As infeccións en meniños son xeralmente asintomáticas, pero por veces poden orixinar a morte do neno, a miúdo por unha miocardite.[5] Poden presentarse tamén defectos conxénitos nos nenos infectados por Coxsackie B.

Diabetes[editar | editar a fonte]

Descubriuse que a cepa Coxsackie B4 é unha posible causa da diabetes mellitus tipo 1. Outras investigacións apuntan máis en xeral a todos os virus do grupo Coxsackie B.

Tratamento e prevención[editar | editar a fonte]

Non hai un tratamento aceptado xeneralizadamente para as infeccións polos virus do grupo Coxsackie B.[1] Danse coidados paliativos, e os pacientes que presentan dor de peito ou rixidez na caluga deberían ser examinados por se son signos de problemas cardíacos ou do sistema nervioso central, respectivamente. Algunhas medidas de prevención poden xeralmente obterse simplemente cunha hixiene básica nos traballadores que serven ou preparan comidas, xa que o virus é moi contaxioso. Deberían lavarse as mans e o corpo despois de nadar. Nos casos de miocardite ou pericardite inducida por Coxsackie B, poden prescribirse antiinflamatorios para reducir os danos no músculo cardíaco.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Fields, Bernard N.; David M. Knipe, Robert M. Chanock, Joseph L. Melnick, Bernard Roizman, Robert E. Shope (1985). Fields Virology. New York: Raven Press. pp. 739–794. ISBN 0-88167-026-X. 
  2. Maze, S. S.; R. J. Adolph (February 1990). "Myocarditis: unresolved issues in diagnosis and treatment". Clinical Cardiology 13 (2): 69–79. DOI:10.1002/clc.4960130203. PMID 2407397. 
  3. Bell, Eleanor J.; R.A. McCartney, Diane Basquill, A.K.R. Chaudhuri (1986). "Mu-Antibody capture elisa for the rapid diagnosis of enterovirus infections in patients with aseptic meningitis". Journal of Medical Virology 19 (3): 213–217. DOI:10.1002/jmv.1890190303. PMID 3016164. 
  4. Libby, Karen (2000). "Coxsackie B virus pathogen card". http://www.stanford.edu/group/virus/flavi/2000/coxsackieB.htm. Consultado o 2007-09-02. 
  5. Kaplan, M. H.; Klein S. W., McPhee J., Harper R. G. (1983 November-December). "Group B coxsackievirus infections in infants younger than three months of age: a serious childhood illness". Reviews of Infectious Diseases 5 (6): 1019–1032. PMID 6318288. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]