Val das Raíñas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Val das Raíñas (Biban el-Harim ou Biban es-Sultanat en árabe) é unha necrópole próxima a Tebas, en Exipto, reservada ás raíñas do final do Imperio Novo e outros membros da familia real, especialmente príncipes ramésidas.

O Val das Raíñas está situado na marxe esquerda do Nilo e penetra na cadea occidental, ou líbica, uns 1500 m. ao suloeste do Val dos Reis. Na antigüidade coñecíase como Ta-Set-Neferu, "o lugar dos Fillos do Faraón". Téñense identificado unhas 80 tumbas, entre elas cando menos as de catro fillos de Ramsés III, pero calcúlase que existirá o dobre.

O val sitúase preto do Val dos Reis e, igual que este, pretendíase que a súa localización fose secreta co obxecto de evitar que os ladróns de tumbas accedesen aos tesouros cos que se enterraban. Comezouse en tempos de Ramsés I e con anterioridade as esposas enterrábanse normalmente cos seus esposos.

As sepulturas[editar | editar a fonte]

A maioría das grandes tumbas tebanas, hoxe en día incompletas ou moi deterioradas, están escavadas na rocha e só unhas poucas teñen unha estrutura exenta. Os seus planos son moi variados pero pódense agrupar como segue:

Finais do Imperio Antigo
Unha ou dúas estancias de forma irregular, ás veces con pilares. Pozos en declive que conducen a unha ou varias cámaras sepulcrais.
Imperio Medio
A fachada da tumba é tamén o muro posterior dun adro aberto. A un corredor longo séguelle unha capela e, a continuación doutro corredor en declive, a cámara sepulcral.
Imperio Novo
A fachada vai precedida dun adro aberto, no que amiúdo aparecen estelas; a porta coróase cunha fileira de "conos funerarios" en cerámica. Detrás desta, unha sala transversal, ás veces con estelas nos lados menores, vai seguida dunha sala longa no eixo central da tumba. O santuario ten un nicho con estatua ou unha porta falsa. As estancias interiores poden ter piares. O pozo da cámara sepulcral ábrese ao adro.
Período tardío
As tumbas son enormes e os seus planos moi complexos. Éntrase por uns pilóns de tixolos e patios abertos, aos que seguen unha serie de estancias subterráneas, habitualmente con pilares, que conducen á cámara sepulcral.

Estas tumbas décoranse normalmente con pinturas, ainda que tamén se atopan relevos. Os temas inclúen escenas da vida cotiá e motivos relixiosos e destaca a finura e precisión de detalles, no estilo típico da fase final do Impero Novo.

A tumba máis fermosa da necrópole é a de Nefertari, muller de Ramsés II. A planta é moi complexa e parécese á dos reis. O teito está pintado cun ceu estrelado. Éntrase por unha escaleira con rampa central, á que se abre a primeira sala, que está arrodeada por un banco para as ofrendas e coroada polo texto do capítulo XVII do Libro dos Mortos, con ilustracións de cores moi vivas. Na segunda sala os temas das pinturas son mitolóxicos, coa raíña presentando ofrendas a diversas divindades, o mesmo que nas paredes da escaleira que, desde a primeira sala, leva á terceira. Nesta, sostida por catro pilares, está o sarcófago de Nefertari, representada nas paredes rezando diante dos gardiáns das Portas.

Principais enterramentos[editar | editar a fonte]

QV significa Valley of the Queens, Val das Raíñas en inglés.

  • QV30 – Nebiri
  • QV33 – Tanedjem
  • QV38 – Satre
  • QV42 – Pa-ra-her-unemef
  • QV47 – Seth-her-khopsef
  • QV44Khaemwaset C
  • QV46 – Imhotep
  • QV47 – Ahmose
  • QV51 – Isis
  • QV52 – Tyti
  • QV53 – Rameses
  • QV55Amunherkhepsef
  • QV60 – Nebtawy
  • QV66Nefertari
  • QV68 – Merytamun
  • QV71 – Bentanta
  • QV72 – Neferhat / Baki
  • QV74 – Duatentopet
  • QV75 – Henut-mi-re