Ub Iwerks

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ubbe Ert Iwwerks, coñecido como Ub Iwerks, nado en Kansas City, Misuri o 24 de marzo de 1901, finado en Burbank, California o 7 de xullo de 1971, foi un animador estadounidense, famoso polo seu traballo con Walt Disney.

Biografía[editar | editar a fonte]

A súa familia procedía de Frisia Oriental, na Baixa Saxonia (Alemaña). Seu pai, Eert Ubbe Iwwerks, emigrara a Estados Unidos en 1869. Iwwerks cambiou o seu nome verdadeiro (Ubbe Ert Iwwerks, que soaba estraño en Estados Unidos) polo máis "cómodo" de Ub Iwerks, co que é coñecido.

Coñeceu a Disney cando ambos traballaban para Pesman-Rubin Comercial Art Studio, de Kansas City, en 1919, e traballou con el ininterrompidamente até 1930. En 1920 fundaron unha compañía chamada Iwerks-Disney Commercial Artists, que non tivo éxito. Máis tarde, ambos traballaron para Kansas City Film Ad. Cando en 1922 Disney fundou unha nova empresa, Laugh-O-Gram Films, Inc., dedicada xa enteiramente á animación, Iwerks seguiuno. Igualmente foi tras el cando Disney se trasladou a Hollywood e fundou o Disney Brother's Studio, en 1923.

De feito, tivo un papel fundamental no desenvolvemento do estilo característico das primeiras curtas de Disney. Animou os primeiros debuxos animados de Mickey Mouse (discútese se a idea do personaxe foi súa ou de Disney, a quen se lle atribúe oficialmente), e dirixiu as primeiras entregas da serie Silly Symphonies. Mais rompeu con Disney en 1930, cando o produtor Pat Powers lle ofreceu financiarlle uns estudios propios.

O Iwerks Studio abriu as súas portas en 1930. O primeiro personaxe creado por el foi a ra Flip (Flip the Frog), personaxe moi semellante a Mickey Mouse (aínda que, por suposto, tratándose dunha ra, carecía de orellas e fociño). Flip protagonizou 36 curtametraxes, pero non conseguiu o éxito previsto por Iwerks e o seu patrocinador. Unha das curtametraxes, Fiddlesticks, utilizou por primeira vez a técnica de Technicolor. En 1933, Iwerks deu a luz un novo personaxe, Willie Whopper, un neno fedello cunha vida cinematográfica que non durou máis de un ano. O estudio realizou tamén a serie ComiColor Cartoons, a semellanza das Silly Symphonies de Disney, na que se utilizaba a nova técnica de CineColor. En 1936, non obstante, ante o fracaso do estudio, incapaz de competir con Disney e cos irmáns Fleischer, Powers privouno do seu respaldo económico e o estudio tivo que pechar.

Entre 1936 e 1940, Iwerks traballou para outros estudios de animación, como o Charles Mintz Screen Gems, de Charles A. Mintz, antigo socio comercial de Disney. En 1937 dirixiu para este Merry Mannequins, que algúns consideran o seu mellor traballo.

En 1940, volveu a traballar para Disney. Dedicouse a investigar novas técnicas de animación (participou nos efectos especiais usados en Song of the South) e incluso na tecnoloxía dos parques de atraccións de Disney, durante os anos 60. Polos seus inventos obtivo dous premios Oscar, en 1959 e 1964.

Iwerks era coñecido pola velocidade coa que traballaba. Dicíase que era capaz de realizar máis de 700 debuxos nun só día.

Morreu dun infarto de miocardio en Burbank, California.

O documental The Hand Behind the Mouse: The Ub Iwerks Story estreouse en 1999, seguido dun libro escrito por Leslie Iwerks e John Kenworthy en 2001..

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • BENDAZZI, Giannalberto: Cartoons. 110 años de cine de animación. Madrid, Ocho y Medio, 2003. ISBN 84-95839-44-X.
  • IWEKS, Leslie and Kenworthy, John. (2001): The Hand Behind the Mouse. Disney Editions.
  • MALTIN, Leonard (1987): Of Mice and Magic: A History of American Animated Cartoons. Penguin Books.
  • LENBURG, Jeff (1993): The Great Cartoon Directors. Da Capo Press.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]