Tricrómico de Gomori nun paso

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Tricrómico de Gomori nun paso é un método idóneo para colorear fibrina, tecido muscular e citoplasmas, onde destaca esencialmente o condrioma como un fino granulado avermellado. Porén, polo seu pH, que se atopa entre 2.5 e 2.7 (lixeiramente por riba do óptimo para a tinguidura do coláxeno), preséntase coma unha tinguidura incompleta e difusa do compoñente fibrilar máis fino (membrana basal e finas fibras reticulares).

Fundamento[editar | editar a fonte]

Esta técnica combina un colorante plasmático (Cromotropo 2R) e un colorante de fibras conectivas (verde luz/azul de anilina) nunha solución de ácido fosfotúngstico e ácido acético glacial. O tratamento previo das seccións con solución de Bouin quente intensifica a tinguidura. O ácido fosfotúngstico favorece a coloración vermella de músculo e citoplasmas. As fibras de coláxeno toman os ións de tungstato, formando un complexo ó que se une o verde luz. O baño de ácido acético fai as cores máis transparentes pero non altera o balance de cor.

Tecido control e diana[editar | editar a fonte]

Calquera tecido con compoñente conectivo será positivo con este método. O fixador máis utilizado para esta técnica é o Bouin, pero calquera outro tamén é válido. O grosor do corte ideal é de 6 micrómetros para tecidos incluídos en parafina.

Reactivos[editar | editar a fonte]

Para levar a cabo esta técnica necesitamos as seguintes solucións:

  1. Solución de Bouin: tras a fixación, débese lavar a mostra en abundante alcohol de 70º ata a decoloración da mesma, para asegurar a total eliminación do ácido pícrico. Unha vez fixado pódese almacenar o tecido en etanol de 80º.
  2. Solución tricrómica:
    1. 0,6gr Cromotropo 2R.
    2. 0,3gr Verde luz.
    3. 1cc Ácido acético glacial.
    4. 100cc Auga destilada.
    5. 0,8gr Ácido fosfotungstico.
  3. Solución verde luz (o verde luz pode ser substituído polo azul de anilina):
    1. 0,5gr Verde luz.
    2. 250cc Auga destilada.
    3. 2cc Ácido acético.
  4. Solución acuosa de ácido acético ó 0.5%.
  5. Solución diaria de hematoxilina férrica de Weigert.
  6. Solución matriz A:
    1. 1.0gr de hematoxilina de Weigert en 100.0 ml de etanol ó 95%.
  7. Solución matriz B:
    1. 4.0gr de cloruro férrico ó 29%.
    2. 95.0ml de auga destilada.
    3. 1.0ml de ácido clorhídrico concentrado.

Utilizar a partes iguais cada unha das solucións matrices. A solución diaria da hematoxilina de Weigert pode reutilizarse durante aproximadamente 2 semanas. A hematoxilina de Weigert pode ser substituída pola hematoxilina de cromo de Gomori.

Procedemento[editar | editar a fonte]

  1. Desparafinar e hidratar.
  2. Realizar mordentaxe en líquido de Bouin durante 1 hora a 56 °C ou 24 horas a temperatura ambiente.
  3. Lavar en auga destilada ata que desapareza a cor amarela.
  4. Tinguir con hematoxilina de Weigert (ver variantes) durante 10-13 minutos.
  5. Realizar un lavado prolongado con auga corrente.
  6. Tinguir coa solución tricrómica durante 15 minutos.
  7. Diferenciar na solución de ácido acético ó 0.5% durante 15 segundos; pódese utilizar tamén ácido acético ó 1%.
  8. Se as seccións son moi vermellas, diferenciarase cunha solución de ácido acético ó 1%, a cal se lle engadiron 0.7gr de ácido fosfotungstico.
  9. Lavar en auga destilada.
  10. Tinguir coa solución de verde luz durante 20 ou 30 segundos (ver variantes).
  11. Deshidratar con alcohois, aclarar con xileno e montar.

Variacións aplicables[editar | editar a fonte]

  • A solución acuosa de ácido acético ó 0.5% pode ser substituída por unha solución de ácido acético glacial ó 1%.
  • A solución de verde luz pode ser substituída por azul de anilina; o coláxeno, a cartilaxe, as mucinas e as membranas basais serán azuis no canto de verdes.
  • A hematoxilina férrica de Weigert pode ser substituída pola hematoxilina cromo de Gomori, e incluso pódese suprimir o paso da coloración con hematoxilina; se se fai isto, os núcleos quedarán igualmente tinguidos de azul mouro pero menos intenso que se se tingue con hematoxilina.

Resultados[editar | editar a fonte]

Posibles problemas[editar | editar a fonte]

  • O resultado da tinguidura é demasiado pálido. Se o coláxeno se tingue de azul pálido, pero se se tingue nun ton vermello, reducir o tempo no aclarado ácido (paso 7).
  • A tinguidura é dunha cor inesperada. Se ten un ton amarelento, comprobar se se utilizou fixador Bouin. Neste caso lavar as seccións hidratadas con auga corrente para eliminar o ácido pícrico residual. O balance de cores está alterado pola acidez da tinguidura. Se o resultado é moi vermello, comprobar que o pH sexa 2 ou menor. Se é necesario, acidificar con ácido clorhídrico (0.1 M). O balance de cor está alterado polos tempos prolongados de tinguidura. Reducir os tempos. O balance de cor está alterado pola concentración do colorante.
  • Resultado inusual da tinguidura. Certas patoloxías alteran o coláxeno (queimaduras), polo que pode tinguirse de vermello no canto de azul. Se as fibras de coláxeno ou a lámina basal aparecen difusas, incrementar a acidez do colorante engadindo o ácido clorhídrico ó 1%.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • García del Moral, Raimundo (1993). Interamericana Mc Graw Hill, ed. Laboratorio de anatomía patológica (1 Ed ed.). 
  • ARP, ed. (1992). Métodos Histotecnológicos. Instituto de patología de las Fuerzas Armadas de los EEUU (AFIP). 
  • Sheehan, Dezna; Hrapchak, Barbara (1980). Theory and practice of Histotechnology. The C.V. Mosby Company (2 Ed ed.). 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]