Trastorno de personalidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os trastornos de personalidade son un conxunto de perturbacións ou anormalidades que se dan nas dimensións emocionais, afectivas, motivacionais e de relación social dos individuos que acaban sendo prexudicados por non dar levado a cabo unha vida regular, aínda que isto lle pode molestar máis á xente que o rodea que ao propio afectado. Algunhas veces aparecen tamén outros trastornos que se desenvolven con estes ou a causa deles, como pode ser a depresión ou a ansiedade.

Tamén é importante constatar que moitas das características desta sorte de trastornos son trazos normais de moitos individuos que non teñen problema ningún.

Fundamentación[editar | editar a fonte]

A diferenza da dimensión cognitiva (percepción, memoria, atención, intelixencia, creatividade, linguaxe), ao falar de personalidade referímonos aos procesos emotivos e tendenciais do individuo, aínda que os diferentes factores exercen unha influencia directa entre si.

Os desaxustes ou trastornos son produto de diferentes causas biolóxicas ou medio ambientais e, aínda que haxa que facer clasificación segundo certas categorías comunmente aceptadas, o diagnóstico debe realizarse de forma individual. Hai que ter en conta que a mesma causa pode ter síndromes diferentes e unha síndrome determinada pode ser a manifestación de causas diversas, condicionada pola constitución biolóxica e o medio social no que o individuo se move.

Os obstáculos que impiden que unha personalidade se desenvolva normalmente dáselle o nome de frustacións, e corresponden ás circunstancias que determinan que unha necesidade ou motivo fracasen en ser satisfeitos. O estado emocional que acompaña a este feito denomínase presión psicolóxica, tensión ou ansiedade.

Os trastornos de personalidade hai que limitalos, polo tanto, a problemas emocionais, afectivos e sociais. Estes últimos só cando existan evidencias de que foron causados por perturbaciónn emocionais ou afectivas subxacentes, e non cando son producidos por situacións ambientais propiamente, aínda que sexa moi difícil separar en ocasións a orixe e as consecuencias destes trastornos, que son, máis ben, unha rede complexa na que é difícil determinar as causas e os efectos.

Lista de trastornos de personalidade definidos no DSM[editar | editar a fonte]

O DSM-IV-TR (Manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais da Asociación Psiquiátrica de Estados Unidos) menciona dez trastornos de personalidade, que se agrupan en tres grupos:

Grupo A (trastornos raros, estraños ou excéntricos)[editar | editar a fonte]

Os afectados deste grupo acostuman ser apelidados como raros, son illados socialmente, fríos emocionalmente, inexpresivos, distantes e moi desconfiados. Este grupo está mais propenso aos trastornos psicóticos.

  • Trastorno paranoide da personalidade, personalidade paranoide. Son individuos desconfiados en exceso, non conseguindo confiar noutras persoas, crendo sempre que van ser botados para atrás ou que están tramando e conspirando algo contra eles. Son fríos emocionalmente e pódense manter distantes con outras persoas por culpa da desconfianza. (Non confundir coa esquizofrenia ou o delirio.)
  • Trastorno esquizoide da personalidade, personalidade esquizoide. Individuos illados socialmente, non expresan ou senten emocións como a alegría ou a rabia, son fríos emocionalmente, indiferentes e non tratan de manter lazos afectivos con outras persoas, sendo así, vistos como independentes emocionalmente. (Non confundir coa depresión nerviosa.)

Grupo B (trastornos dramáticos, emocionais, erráticos, imprevisíbeis ou irregulares)[editar | editar a fonte]

Estes trastornos caracterízanse por un patrón penetrante de violación das normas sociais, comportamento impulsivo e emotividade excesiva e grandiosidade. Os afectados son apelidados de "problemáticos", sendo manipuladores, rebeldes, malos, inconstantes, imprevisíbeis e inmaduros emocionalmente; afectando moito máis ás persoas da contorna que ao propio individuo. As persoas deste grupo son propensas á depresión.

  • Trastorno antisocial da personalidade, personalidade antisocial. Individuos insensíbeis, non lle importan os sentimentos alleos, son falso, mentireiros, fríos emocionalmente, manipuladores co fin de conseguiren apenas bens materiais, egoístas, impulsivos, agresivos, podendo chegar a cometer crimes e delitos sen sentir culpa ou remorso.
  • Trastorno límite da personalidade, personalidade límite, limítrofe ou borderline. Individuos moi impulsivos, inconstantes, con pensamento extremo "negro ou branco", apaixónanse por unha persoa, para logo deseguida odiala, por temeren o abandono; con notábel tendencia a rematar relacións de forma rabiosa. As súas relacións son frecuentemente intensas, mais sempre confusas e inestábeis. Estas persoas teñen profundos sentimentos de rabia e baleiro crónico, son emocionalmente inestábeis con problemas de carencia afectiva. Aparte disto, teñen tendencia suicida e, co fin de liberarse do sentimento de baleiro, poden caer en comportamentos compulsivos como a auto-mutilación, o comer compulsivo, etc. Son persoas irascíbeis cando están soas e séntense merecedoras de coidados e atención. Moitas veces non conseguen controlar fortes emocións como a agresividade, demostrando notábeis explosións de rebeldía e poden ser manipuladoras, sobre todo porque temen o abandono, facendo esforzos excesivos para evitalo. (Non confundir co trastorno afectivo bipolar)
  • Trastorno histriónico da personalidade, personalidade histriónica. Son persoas moi emotivas, hipersensíbeis, carentes de afecto, esaxeradas, superficiais, emocionalmente inestábeis, dramáticas, impacientes, infantís, moi preocupadas pola aparencia física (vaidosos) e con notábel tendencia a esixir excesivamente atención para si. Expresan as súas emocións de xeito esaxerado, podendo ter ataques de choro ou rabia por cousas nimias. Son moi manipuladores, controlando persoas e circunstancias para conseguir atención. Fan uso da manipulación emocional e sedutora, frecuentemente vestíndose sexualmente provocante encantando e seducindo aos demais. Poden ser vistas como "camaleóns sociais", pois están constantemente mudando. (Non confundir cun trastorno afectivo bipolar)
  • Trastorno narcisista da personalidade, personalidade narcisista. Persoas arrogantes, orgullosas e que se cren superiores e mais especiais que os outros. Estes individuos dan a impresión de que son entremetidos, egoístas ou antipáticos, e demostran pouca empatía cara outras persoas.

Grupo C (trastornos ansiosos, temorosos ou receosos)[editar | editar a fonte]

Este grupo caracterízase por un patrón penetrante de temores anormais, incluíndo relacións sociais, separación e necesidade de control. Os individuos que compoñen este grupo son vistos como medorentos, ansiosos, febles, dependentes, fóbicos e con tendencia a ser submisos, organizados, obedientes e, ao contrario do grupo B, evitan crebar regras ou rutinas. Neste grupo, frecuentemente, os trazos inflexíbeis do trastorno prexudican moito máis ao propio individuo que as persoas da súa contorna. Este grupo é propenso aos trastornos de ansiedade.

  • Trastorno de personalidade por evitación ou esquiva, personalidade fóbica. Os afectados por este trastorno son excesivamente tímidos, con grande ansiedade na vida social, carrexando frecuentemente un sentimento de inferioridade en relación as outras persoas. Poden ter unha autoestima baixa, considerándose inadecuados, véndose a si mesmos sen atractivos e capacidades, e temen ser ridiculizados ou criticados. Realmente desexan manter un contacto íntimo cas outras persoas, mais co medo de facer o ridículo, íllanse socialmente. Poden evitar festas, lugares cheos de persoas e outras ocasións sociais nos que poderían ser o centro de atención, sendo que moitas veces non teñen amigos. Ás veces, soportan un grande sufrimento pois teñen unha grande vontade de relacionarse co mundo, mais non o dan conseguido. (Non confundir coa depresión nerviosa, fobia social ou trastorno de ansiedade xeneralizada.)
  • Trastorno de personalidade por dependencia, personalidade dependente. Persoas moi dependentes emocionalmente e fisicamente, sempre dependendo de outras persoas para facer algunha cousa. Non conseguen vivir soas e están sempre á procura dunha relación íntima para manterse dependentes. Con frecuencia, son submisos ás persoas polas cales manteñen un lazo dependente, podendo demostrar moita empatía ou altruísmo por outras persoas e pouca preocupación consigo mesmas. Co medo da perda e abandono, estes individuos pensan moito máis nas outras persoas que en si mesmas, deixando de facer cousas que lle gustan para satisfacer aos outros. Por iso, a insatisfacción é constante e o sentimento crónico de tristeza é común nestas persoas. (Non confundir coa distimia).
  • Trastorno obsesivo-compulsivo da personalidade, trastorno anancástico da personalidade ou personalidade obsesiva-compulsiva. Os afectados son persoas excesivamente organizadas, temendo descoidos, desorganización, sucidade ou calquera outra forma de desorde. Primorizan o correcto e organizado, podendo gastar moito tempo traballando ou estudando, deixando de lado relacións, diversións e lecer. Aparte disto, tenden a facer as súas cousas sós porque temen que con outras persoas non o vaian facer correctamente. Nas súas relacións, poden ser un pouco distantes ou illados e aparentar friaxe emocional. (Non confundir co trastorno obsesivo-compulsivo [TOC])


Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • López-Ibor Aliño, Juan J. & Valdés Miyar, Manuel (dir.) (2002). DSM-IV-TR. Manual diagnóstico y estadístico de los trastornos mentales. Texto revisado. ISBN 978-84-458-1087-3.
  • Millon, Theodore & Davis, Roger D.. Trastornos de la personalidad. Más allá del DSM-IV. ISBN 978-84-458-0518-3.
  • – & Grossman, Seth & Millon, Carrie & Meagher, Sarah & Ramnath, Rowena. Trastornos de la personalidad en de la vida moderna. ISBN 978-84-458-1538-0.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]