The Ellen Degeneres Show

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Ellen Degeneres Show é un programa de televisión presentado pola actriz e presentadora norteamericana Ellen DeGeneres desde setembro de 2003.

Supuxo o retorno á pequena pantalla despois do escaso éxito da súa serie The Ellen Show. Este novo programa, emitido en horario matinal, presenta o formato de talk show. Entre a multitude de talk shows que xurdiron nas televisións norteamericanas nos últimos anos, o de Ellen DeGeneres foi gañando un espazo e recibindo críticas bastante positivas. Curiosamente, a primeira celebridade invitada no seu programa foi Jennifer Aniston, unha icona gay nos Estados Unidos.

O programa foi nomeado a once premios Daytime Emmy na súa primeira tempada de emisión. DeGeneres fíxose moi popular con este programa polos seus bailes e cancións co público no inicio do programa e durante as pausas publicitarias. Adoita dar diversos premios e viaxes (grazas aos patrocinadores) ao público que acode a vela en directo. O 17 de novembro de 2005, o programa emitiuse ao revés, de xeito parecido ao filme Memento.