Mars 2MV-4

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sputnik 22»)
Unha réplica de Mars 1, unha sonda de tipo Mars 2MV-4.

Mars 2MV-4 foi o nome dun modelo de sondas espaciais soviéticas que se intentaron lanzar para facer un sobrevoo de Marte nos comezos da era espacial e obter datos e imaxes do planeta. A primeira en ser lanzada, coñecida oficiosamente como Sputnik 22 en occidente, non chegou nin á órbita terrestre por fallo do foguete lanzador, un Molniya. A segunda, nomeda como Mars 1, foi inxectada con éxito nunha órbita de transferencia cara Marte, pero deixou de transmitir varios meses despois de ser lanzada e antes de chegar ó planeta.[1][2]

Características[editar | editar a fonte]

O modelo Mars 2MV-4 estaba baseado nas sondas Venera que estudaron Venus. Estaban formadas por un cilindro presurizado de 3,3 m de longo e 1,0 m de diámetro ao que ían unidas antenas, paneis solares e radiadores. O cilindro en si estaba dividido en dúas seccións: a parte inferior, de 0,6 m de longo, contiña a instrumentación científica, mentres que os 2,7 m superiores (denominado módulo orbital) contiñan os sistemas de guiado, propulsión e comunicacións, que tiñan lugar mediante unha antena principal parabólica de 1,7 m de diámetro e varias antenas omnidireccionais e semidireccionais. Os dous paneis solares tiñan unha superficie de 2,6 m2 e ían fixos en lados opostos do cilindro, alimentando unha batería de cadmio e níquel cunha capacidade de 42 Amperio-hora. As comunicacións tiñan lugar en tres sistemas de radio con lonxitudes de onda de 1,6 m, 32 cm e 5 e 8 cm. Os instrumentos científicos a bordo incluían un magnetómetro, unha cámara de televisión, un espectrorreflectómetro, sensores de radiación, un espectrógrafo para o estudo do ozono en Marte, un radiotelescopio e un detector de micrometeoroides.[1][2]

Historial de lanzamentos[editar | editar a fonte]

Data[1][2] Rampla de lanzamento[1][2] Carga[1][2] Resultado[1][2] Notas[1][2]
24 de outubro de 1962 Cosmódromo de Baikonur Mars 2MV-4 Nº1 (Sputnik 22) Fallo Fallo da última etapa, cos fragmentos reentrando na atmosfera. O lanzamento tivo lugar durante a crise dos mísiles de Cuba e os framentos foron confundidos polos radares estadounidense momentaneamente cun posible ataque nuclear.
1 de novembro de 1962 Cosmódromo de Baikonur Mars 2MV-4 Nº2 (Mars 1) Éxito A nave foi posta en órbita cara Marte, pero perdeuse o contacto con ela o 21 de marzo de 1963, antes de chegar ao planeta.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Mark Wade (2011). "Mars 2MV-4" (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Mars 1 (2MV-4 #1, 2)" (en inglés). Consultado o 9 de agosto de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]