Sintetizador analóxico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un sintetizador analóxico é un instrumento musical electrónico que crea, modifica e almacena as formas das ondas dun sinal de son executado ou previamente almacenado.

Características[editar | editar a fonte]

A forma máis común na que se presenta un sintetizador é a de teclado electrónico adosado a uns controis para manexar a circuitería interna. Pódense clasificar en non programables con unha serie de sons almacenados no disco duro pero non variables, e os programables que poden crear os seus propios sons. Estes á súa vez, constan de tres partes: os controis de interpretación musical, os controis de programación e o sistema de xeración de son.

O dispositivo elemental da síntese é o oscilador e a máis empregada é a síntese por modulación de frecuencia, que consiste en variar a frecuencia dunha forma de onda, a portadora, uníndoa á amplitude dunha segunda, denominada moduladora.

Historia[editar | editar a fonte]

Actualmente non é estraño que cun só instrumento electrónico sexa posible reproducir unha gran variedade de timbres doutros.

A principios do século XX comézase a investigar para tentar sacar música de ondas de ruído branco con circuítos electrónicos e para iso inventáronse aparatos de todo tipo. O thelarmonio é o exemplo do primeiro instrumento enteiramente electrónico e polifónico, deseñado por Thadeus Cahill's nun primeiro momento para proporcionar música en vivo a través das liñas telefónicas ós subscritores deste servizo.

En 1920 o doutor Carl Emil inventa o audiómetro que funciona con tons xerados electrónicamente. En 1923 Léon Thérémin crea un dos primeiros instrumentos electrónicos que se pode chamar 'musical', o theremin, no que son créase cuns osciladores que varían a frecuencia con só acercar as mans.

Outro precursor dos sintetizadores actuais é o RCA Mark II Sound de mediados dos 50, que non tiña teclado e programábase cunhas tarxetas perforadas previamente instaladas. Ademais utilizaba osciladores de válvula termoiónica e incorporaba o primeiro secuenciador.

Pero a verdadeira revolución produciuse a principios dos 60 con Bob Moog e Herb Deutch, que colleron a idea dos seus precursores e engadíronlle un teclado ó sintetizador para acercalo ós músicos. Tratábase dun circuíto con osciladores e amplificadores controlados por voltaxe que regulan o ton e a cadencia de cada nota. Democratizaron o instrumento pero nos seguintes anos da súa creación aínda non se dera demasiado a coñecer ata que o éxito da gravación de J.S.Bach ('Switched on Bach') interpretada nun destes fíxoo famoso ó gran público. Reparouse por fin en que non só valía cun instrumento que reproducise unha sucesión de sons pregrabados senón que buscábase ter en conta os transitorios do sinal (ataque, extinción...) é dicir modificacións do sinal no tempo como se produce nos instrumentos analóxicos.

Partes do sintetizador[editar | editar a fonte]

Teclado controlador[editar | editar a fonte]

É a parte máis visible do sintetizador e normalmente preséntase con esta presencia. É a fonte que descarga unha tensión proporcional á forza coa que se oprime. Nos máis modernos obtéñense varias tensións de control para cada tecla. Tamén pódense cambiar parámetros como a velocidade de pulsado. A dinámica e a expresividade non se ven estropeadas por ser un instrumento electrónico. Normalmente 1 V correspóndese a unha diferencia dunha oitava e a memoria analóxica mantén a tensión da última tecla oprimida.

Oscilador controlado por voltaxe. VCO[editar | editar a fonte]

Trátase dunha fonte de son básica no sintetizador. O seu efecto consiste en repetir ciclicamente a forma da onda do sinal executado, producindo así unha oscilación periódica. A este sinal pódenselle variar os parámetros de entrada: a forma da onda, a frecuencia e a amplitude. Os timbres que se obteñen dun oscilador son electrónicos, xa que o seu espectro é harmónico e mantense sempre fixo. A frecuencia do sinal xerado ó pulsar a tecla obtense como a suma alxébrica das tensións de control aplicadas ás súas entradas.

Dispón de varias formas de onda, senoidal, dente de serra, triangular e cadrada, e cada unha dará un tipo de son diferente.

Mesturador de sinais. Mixer[editar | editar a fonte]

Dispositivo que permite a combinación dunha serie de sinais de entrada agrupadas e nas proporcións de volume desexadas, de forma que se obtén outro sinal resultante da combinación destas.

Xerador de envolventes. ADSR[editar | editar a fonte]

Defínese como a evolución da amplitude do son ó longo do tempo unha vez foi executado. Ten catro zonas características da amplitude do sinal. As zonas ADR refírense ó tempo, mentres que a S refírese ó nivel. Estes xeradores tamén controlan a resposta do filtro en caso de ter activado un.

O ataque, o tempo que tarda o sinal en alcanzar a súa máxima amplitude ó executalo, medido en milisegundos.

O decaemento, decay, tempo que tarda o son en alcanzar o punto de estabilidade.

O sostemento, que controla o nivel de presión sonora do sinal mentres se está a executar. A diferencia coas demais reside en que nesta contrólase o volume e nas outras o que se controlaba era o tempo no que chegaba a un determinado nivel. No caso de desactivalo pasaríase directamente á etapa seguinte.

O relaxamento, release, contraria á de ataque, determina o tempo no que se desvanecerá o sinal unha vez se pare de executar.

Xerador de ruído[editar | editar a fonte]

Adoita proporcionar tanto ruído branco coma rosa, e unha saída de tensión de control axustable na súa frecuencia.

Amplificador controlado por tensión. VCA[editar | editar a fonte]

É un amplificador do sinal que ten a particularidade de modificar a ganancia cpntrolándoa cunha voltaxe adicional. O que produce é poder simular a dinámica de máis instrumentos.

Filtro controlado por tensión. VCF[editar | editar a fonte]

É un elemento que escolle as frecuencias do sinal e as separa para resaltar as desexadas ó atenuar as non buscadas. É configurable en varias formas, paso baixo, paso alto, paso banda e rexeito banda, onde se escolle o punto onde cortar a frecuencia e a pendente de atenuación (máis ou menos resaltada) da banda escollida a partir do punto de corte.


Sección de LFO.

Oscilador de baixa frecuencia. LFO[editar | editar a fonte]

Composto de osciladores independentes, controlados por tensión, con varias formas de onda cada un e que se sitúan na banda das baixas frecuencias, ata uns 20 Hercios. A súa saída pode usarse tanto para controlar a amplitude como a frecuencia dos VCOs.


Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]