Shang jun shu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Shang jun shu (商君書)
Busto de Shang Yang (390 a.C.-338 a.C.)
Autor/aShang Yang
OrixeChina
LinguaChinés clásico
Xénero(s)Ensaio
Data de pub.Século III a.C.
editar datos en Wikidata ]
Edición d'O libro do señor Shang
Edición d'O libro do señor Shang

Shang jun shu (chinés tradicional: 商君書; chinés simplificado: 商君书; pinyin: Shāng jūn shū; Wade-Giles: Shang chün shu), en galego O libro do señor Shang, é un libro chinés do século III a.C., considerado como o texto fundacional do legalismo.[1] Xunto co Han Feizi, é a obra máis antiga conservada desta escola de pensamento.[2] Atribúeselle ao ministro Shang Yang, que serviu baixo o duque Xiao da dinastía Qin, converténdose no pai do legalismo de estado.[3]

Tradición textual[editar | editar a fonte]

Algúns capítulos d'O libro do señor Shang foron escritos décadas ou incluso séculos despois da morte de Shang Yang, polo que non se lle considera o autor da totalidade da obra. Porén, algúns capítulos poderían ter sido escritos polo propio Shang Yang e os seus discípulos inmediatos. Con todo, a obra presenta unha certa coherencia ideolóxica, o que amosa a evolución e desenvolvemento dunha corrente intelectual unificada.[2]

Contidos[editar | editar a fonte]

O libro inclúe un gran número de ordenanzas, ensaios e peticións á corte atribuídas ao señor Shang, así como discursos seus pronunciados perante a corte. O seu interese principal é o mantemento da orde social a través dun sistema estrito de leis imparciais que establezan recompensas e castigos polos actos dos cidadáns. O primeiro capítulo aconsella promover a agricultura e eliminar outras actividades secundarias que non sexan prioritarias. Así mesmo, exalta as virtudes marciais e recomenda a creación dun exército estatal para a conquista de novos territorios.[4]

Unha das súas ensinanzas principais é que "a lei é unha expresión de amor polo pobo (...) O sabio, se é quen de reforzar o estado, non debe seguir o modelo da antigüidade; se é quen de beneficiar ao pobo, non debe adherirse aos ritos establecidos".[5] Así, opónse ao confucianismo, que defende a énfase nos ritos e no respecto ás normas das dinastía pretéritas.

Do mesmo xeito que o Han Feizi, critica o anacronismo das políticas do pasado distante, tomando exemplos da historia recente.[6] Non obstante, a diferenza do Han Feizi, Shang Yang considera que a necesidade de normas estritas podería desaparecer coa constitución dunha sociedade cuxas políticas estivesen orientadas pola moral.[2]

Traducións[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Shaughnessy, Edward L. (2023). A Brief History of Ancient China (en inglés). Bloomsbury Academic. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Pines, Yuri (2014). Zalta, Edward N.; Nodelman, Uri, eds. Legalism in Chinese Philosophy (Winter 2014 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 
  3. Loewe, Michael, ed. (1993). Early Chinese Texts: A Bibliographical Guide (en inglés). The Society for the Study of Early China (University of California). 
  4. Knechtges e Chang, ed. (2014). Ancient and Early Medieval Chinese Literature: A Reference Guide, Part Two (en inglés). Brill. 
  5. "Shang Jun Shu : Reform of the Law - Chinese Text Project". ctext.org (en chinés). Consultado o 2023-12-03. 
  6. Lewis, Mark Edward (1999). Writing and Authority in Early China (en inglés). SUNY Press. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]