SMS Königsberg

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
SMS Königsberg, agosto 1915

O SMS Königsberg foi un cruceiro lixeiro construído en 1905 para a mariña imperial alemá. Tiña tres chemineas e estaba armado con dez canóns e dous tubos lanzatorpedos, contaba cunha tripulación de 322 homes que chegou á África Oriental Alemá o 6 de xuño de 1914, un pouco antes do comezo da primeira guerra mundial co seu comandante Max Loof baixo ordes directas do xeneral Paul Erich von Lettow-Vorbeck, ao mando de todas as tropas alemás no territorio.

Conflito[editar | editar a fonte]

Os británicos perante a posibilidade de que estoupase un conflito enviaron varios navíos preto da costa de Dar es Salam con ordes de afundilo de se iniciar. Cando o 5 de agosto comezou a guerra, o Königsberg preparouse para cumprir as ordes de interceptar os convois e navios inimigos. Inglaterra suspendeu os transportes pola costa oriental africana e enviou tres navíos, pero dous víronse obrigados a regresar á súa base en Suráfrica e o Königsberg afundiu o 19 de setembro ao que quedaba, o HMS Pegasus que estaba no peirao de Zanzíbar, ao tempo que minaba o porto. Problemas nas caldeiras impedíronlle regresar a Alemaña como pretendía e buscou refuxio no río Rufiji mentres se facía a reparación. En outubro e novembro os cruceiros da mariña inglesa Chatham, Dartmouth e Weymouth achegáronse e destruíron o barco que o fornecía de carbón, ao tempo que os británicos afundían un navío na foz do río para evitar que o Königsberg puidera escapar e virábanse as baterías da costa. Empregouse un hidroavión Curtiss civil, e máis tarde empregáronse dous aeroplanos Sopwith da Royal Navy para localizalo.

Tentáronse usar dous grandes canóns dun vello navío, o HMS Goliath, para afundir o cruceiro, aínda que non funcionou. Os torpedeiros HMS Mersey e HMS Severn traídos dende o Reino Unido danaron seriamente ao Königsberg o 6 de xullo de 1915. O 11 de xullo produciuse o segundo ataque, combinado de forzas aéreas e navais. Os alemáns decidiron abandonalo no delta do Rufiji despois de retirar o armamento que podía ser usado na campaña de terra. Morreron 32 mariños alemáns e foron 65 os feridos graves. O resto chegaron a Dar es Salam para participar na defensa da cidade.