Hidroavión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hidroavión Short Empire.

Un hidroavión ou avión anfibio é un aeroplano de ás (planos) fixas con casco, o que lle permite "aterrar" na auga (amarar).

Diferénciase dos avións con flotadores en que usan unha fuselaxe deseñada para manterse sobre a auga, que garante a súa flotabilidade. Os hidroavións poden estabilizarse con flotadores baixo as súas ás, ou con proteccións flotantes que saen da fuselaxe chamadas sponsons.

Os hidroavións foron algúns dos avións máis grandes da priemira metade do século XX, superados só en tamaño polos bombardeiros desenvolvidos na Segunda Guerra Mundial. A súa vantaxe radica no uso da auga en vez das custosas pistas de aterraxe terrestres, facendo deles a base para as aeroliñas internacionais no período de entreguerras. Tamén se usaron comunmente para tarefas de patrulla marítima e para labores de rescate.

Avión anfibio Canadair CL-215 empregado na loita contra incendios.

A aparición do hidroavión produciuse despois de que o The Daily Mail ofrecese un gran premio en metálico para un avión con alcance transoceánico en 1914. Isto levou á colaboración entre construtores británicos e estadounidenses que desenvolveron o Curtiss Model H.

Despois da Segunda Guerra Mundial, o seu uso decaeu progresivamente, en parte debido ao investimento en aeroportos durante a guerra.

No século XXI os hidroavións úsanse para diversas tarefas, como o de lanzar auga nos incendios forestais, o transporte aéreo a arquipélagos, e o acceso a zonas subdesenvolvidas ou sen estradas.

Moitos hidroavións modernos usan sistemas combinados de aterraxe, dispoñendo tamén dun tren estándar para poder aterrar en pistas convencionais.