Ribulosa 5-fosfato
- Non se debe confundir con Ribosa 5-fosfato.
| Ribulosa 5-fosfato | |
|---|---|
| Nome IUPAC | [(2R,3R)-2,3,5-Trihidroxi -4-oxopentil] dihidróxeno fosfato |
| Outros nomes | ribulosa-5-fosfato, 5-O-fosfono-D-ribulosa, D-Ribulosa 5-fosfato |
| Fórmula empírica | C5H11O8P |
| Masa molecular | 230.11 g/mol |
| Estado físico/Cor | |
| Número CAS | 4151-19-3 |
| Propiedades | |
| Densidade | |
| Punto de fusión | |
| Punto de ebulición | |
| Solubilidade en auga | |
A ribulosa 5-fosfato (tamén escrita ribulosa-5-fosfato[1]) é un monosacárido de 5 carbonos (pentosa) cun grupo cetona no carbono 2 (polo que é unha cetosa) e un fosfato esterificado no carbono 5. É unha molécula de ribulosa fosforilada no carbono 5 [2].
Este composto é o produto final da fase oxidativa da ruta da pentosa fosfato, e é un intermediario do ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese.
Índice |
Na ruta da pentosa fosfato [editar]
A misión desta ruta é a de obter NADPH e ribosa 5-fosfato, que se utilizarán na síntese de ácidos graxos e de ácidos nucleicos. Nesta ruta intervén a ribulosa 5-fosfato. Na ruta da pentosa fosfato a ribulosa 5-fosfato orixínase a partir da deshidroxenación e descarboxilación do 6-fosfogliconato, catalizada pola fosfogliconato deshidroxenase [3]. Na reacción prodúcese NADPH e CO2, e con ela remata a fase oxidativa da ruta.
Posteriormente, na fase non oxidativa da ruta, a ribulosa 5-fosfato isomerízase pola acción da fosfopentosa isomerase a ribosa 5-fosfato, polo que unha cetosa se converteu nunha aldosa.
Tamén se pode producir unha isomerización a xilulosa 5-fosfato catalizada pola fosfopentosa epimerase.
No ciclo de Calvin [editar]
No ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese a ribulosa 5-fosfato utilízase na reacción final que pecha o ciclo para rexenerar a ribulosa 1,5-bifosfato (molécula na que se fixa o CO2)[3].
Neste ciclo a ribulosa 5-fosfato pode obterse a partir de dous azucres de 5 carbonos, a ribosa 5-fosfato e a xilulosa 5-fosfato por medio de reaccións de isomerización catalizadas pola fosfopentosa isomerase e a fosfopentosa epimerase, que son similares ás da ruta da pentosa fosfato.
Despois, a ribulosa 5-fosfato formada utilízase na rexeneración da ribulosa 1,5-bifosfato do ciclo de Calvin. Para iso vai ser fosforilada pola fosforribulosaquinase con gasto de ATP.
Notas [editar]
- ↑ PubChem compound Ribulose 5-phosphate
- ↑ ChemSpider Ribulose 5-phosphate
- ↑ 3,0 3,1 A. Lehninger. Principios de Bioquímica. (1988). Omega. Páxinas 456-457, 665. ISBN: 84-282-0738-0