Retículo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ventre de vacún, partido en anacos para facer callos. Á esquerda recoñécese claramente un anaco de retículo

O retículo é o segundo dos preestómagos dos animais ruminantes, unha víscera máis ou menos esférica, duns 8-10 litros de capacidade na vaca adulta, que se caracteriza polos pregos ou laminiñas que forma a súa mucosa debuxando unha retícula de campos cadrados, pentagonais e, maiormente, hexagonais, a modo das celas dun favo.

Descrición[editar | editar a fonte]

O retículo sitúase entre o rume e o diafragma, apoiado sobre a cartilaxe xifoide do esterno [1]. Dorsalmente, contacta co rume e co fígado; pola dereita, co calleiro; e pola esquerda, co diafragma. A forma é practicamente esférica, pero pode modificar considerablemente de forma e volume grazas á musculatura lisa das paredes.

Comunica anteriormente co rume mediante un ancho orificio (de 18 x 13 cm nos bovinos), e posteriormente co libro, mediante un orificio estreito en forma de fendedura.

Os pregos da mucosa son de alturas variables e inestensibles. En cada prego hai unha estrutura muscular de fibras lisas, en dirección lonxitudinal da crista. Na vaca, as celas que delimitan mostran no fondo outros pregos ou cristas máis baixas, que á súa vez delimitan outros espazos secundarios e máis pequenos. Na ovella, en lugar destas cristas aparecen pequenas prominencias lineais.

Tanto nos pregos como no fondo das celas hai pequenas papilas. Na zona máis próxima ó rume e ó suco esofáxico, as cristas son cada vez máis baixas e adoptan unha disposición lineal, sen confluír unhas coas outras para rematar converténdose en vilosidades.

Fisioloxía[editar | editar a fonte]

No retículo continúase o proceso de trituración e mestura do contido estomacal que se iniciou no rume. As secrecións das papilas da mucosa deste órgano aumentan a fluidez dos alimentos e facilitan, así, as reaccións químicas da dixestión. Os movementos das paredes e a estrutura reticular conseguen que non pasen ó libro fragmentos de alimento de tamaño maior de 1-2 mm e sen predixerir.

O continuo intercambio dos contidos do retículo e do rume leva a considerar ámbalas vísceras dunha forma unitaria, denominada complexo "retículo-rume".

Patoloxía[editar | editar a fonte]

A situación do retículo, adosado ó diafragma e á mesma altura do corazón, do que hai unha separación de tan só 3-4 cm, posibilita unha patoloxía característica do gando vacún, denominada reticulo-pericardite traumática. Consiste na inxestión dalgún obxecto metálico aguzado (unha agulla, un cravo, un arame) mesturado coa herba ou coa forraxe. Ó quedar retido entre os pregos do retículo, remata cravándose e perforando a parede da víscera, o diafragma e, finalmente, o pericardio. É un accidente moi grave, sen tratamento, que obriga a sacrifica-lo animal canto antes para intentar aproveita-la súa carne.

Nomes populares[editar | editar a fonte]

Aparece na bibliografía cos nomes populares de bonete (que é un castelanismo) ou barrete (un lusismo), nomes derivados da forma esférica desta víscera. Tamén se recolleron nomes como crespiña e redeiriña.

Hai que remoer. O cerebro manda as ordes á panza, á redeiriña, ao coallar... e o motor da herba ponse en marcha. Boi amosa a sintonía dos recados nun rou-rou inalterable, sete veces trousa e tres descansa e volve.
Vázquez Pintor

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Peza posteroinferior do esterno.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • FERRO RUIBAL, Xesús, e BENAVENTE JAREÑO, Pedro: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Santiago de Compostela 2010.
  • GLOOBE, Hanan: Anatomía aplicada del bovino [1]
  • KOLB, Erich: Fisiología veterinaria. Acribia, Zaragoza 1976.
  • SCHWARZE, E.: Compendio de anatomía veterinaria. II: Sistema visceral. Acribia, Zaragoza 1970.
  • VÁZQUEZ PINTOR, Xosé: A memoria do boi. Xerais, Vigo 2001.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]