Prorastomus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Prorastomus
Rango fósil: Eoceno medio
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Sirenia
Familia: Prorastomidae
Xénero: Prorastomus''
Owen, 1855
Especie: P. sirenoides''
Nome binomial
'Prorastomus sirenoides'
Owen, 1855

Prorastomus sirenoides é unha especie de sirenio primitivo extinguido cuxos restos fósiles atópanse en estratos do Eoceno de Xamaica, de hai 40 millóns de anos. É a única especie do xénero Prorastomus.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

O nome xenérico Prorastomus é unha combinación do grego πρῷρα (prōra), proa, e στόμα (stoma), boca, referíndose á mandíbula inferior do animal que "lembra a proa dun balandro".

En 1892 o naturalista Richard Lydekker reescribiu o nome do xénero como Prorastoma (en feminino), o cal estaba inxustificado, xa que stomus é masculino en latín.[1]

Prorastomus é un dos dus xéneros da familia Prorastomidae, sendo o outro Pezosiren, cada un cunha especie. As dúas especies son os sirenios máis antigos coñecidos e datan ambas do Eoceno.[1]

A especie foi descrita por primeira vez polo paleontólogo Sir Richard Owen en 1855, e como o espécime que utilizou se encontrou en Xamaica no Grupo da Calcaria Amarela, isto parecía indicar que a orixe dos Sirenia era o Novo Mundo e non o Vello como se pensaba anteriormente. Porén, os coñecementos modernos sobre os Afrotheria como clado que se diversificou orixinalmente en África botan abaixo esa idea. O espécime holotipo, BMNH 44897, comprende un cranio, unha mandíbula e unha vértebra atlas do pescozo. Cando Owen conseguiu o cranio, este estaba roto en dous cachos entre os ollos e a caixa cranial. Atopouse outro espécime en 1989 na mesma formación, o USNM 437769, que comprendía un óso frontal, un cairo, fragmentos de vértebras e costelas.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Aínda que os modernos sirenios son completamente acuáticos, o Prorastomus, de 1,5 m de longo, era probablemente terrestre a xulgar pola estrutura do seu cranio. Tendo en conta a forma de coroa dos seus molares e a forma do seu fociño, probablemente se alimentaba de plantas brandas.[2] O fociño é longo, estreito e, no extremo, bulboso. Os ósos nasais son máis grandes que noutros sirenios. A crista nasal está ben desenvolvida, o que indica que tiña un bo olfacto. Os ósos frontais son menores do que é habitual nos sirenios, aínda que, como noutros sirenios, ten unha pronunciada crista ciliar.[1] Como o outro xénero da familia, Pezosiren, ten unha crista saxital, é posible que o espécime de Prorastomus descrito tivese tamén unha antes de que fose desgastada pola erosión.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Savage, R. J. G.; Domning, D. P.; Thewissen, J. G. M. (1994). "Fossil Sirenia of the West Atlantic and Caribbean Region. V. the Most Primitive Known Sirenian, Prorastomus sirenoides Owen, 1855". Journal of Vertebrate Paleontology 14 (3): 427–449. doi:10.1080/02724634.1994.10011569. 
  2. Palmer, D., ed. (1999). The Marshall Illustrated Encyclopedia of Dinosaurs and Prehistoric Animals. London: Marshall Editions. p. 229. ISBN 1-84028-152-9. 
  3. Domning, D. P. (2001). "The earliest known fully quadrupedal sirenian". Nature 413: 625–627. PMID 11675784. doi:10.1038/35098072. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barry Cox, Colin Harrison, R. J. G. Savage, and Brian Gardiner. (1999): The Simon & Schuster Encyclopedia of Dinosaurs and Prehistoric Creatures: A Visual Who's Who of Prehistoric Life. Simon & Schuster.
  • David Norman. (2001): The Big Book Of Dinosaurs. Pg. 348, Welcome Books.
  • Richard Owen. (1855): On the fossil skull of a mammal (Prorastomus sirenoïdes, Owen) from the island of Jamaica. The Quarterly journal of the Geological Society of London, 11, pp. 541–543.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre zooloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.