Prison Break
Prison Break é unha serie de televisión estadounidense creada por Paul Scheuring que comezou a emitir a Fox Broadcasting Company o 29 de agosto de 2005.
A serie céntrase en dous irmáns, un que foi condenado á pena de morte por un crime que non cometeu e outro, Michael Scofield, que se fai deter expresamente para ingresar en prisión para fuxir co seu irmán. A serie produciuna Adelstein-Parouse Productions, en colaboración con Original Television e 20th Century Fox Television. Os produtores executivos ademais do propio Scheuring son Matt Olmstead, Kevin Hooks, Marty Adelstein, Dawn Parouse, Neal H. Moritz, e Brett Ratner. O tema musical compúxoo Ramin Djawadi polo que foi nominado a un Emmy en 2006.
Cando lle foi presentada a idea á Fox en 2003 non se interesou por ela pero despois do éxito de series como Lost ou 24, Fox decidiu aprobar a súa produción en 2004. A primeira tempada recibiu críticas positivas e tivo boa audiencia, en orixe ían ser 13 episodios pero debido á súa popularidade realizáronse nove episodios máis. Debido á folga de guionistas, o final da terceira tempada tivo que ser reformulado. As primeiras catro tempadas editáronse en DVD e a primeira e a terceira en Blu Ray. O éxito da serie inspirou unha serie exclusivamente realizada para móbiles, Prison Break: Proof of Innocence.