Portal:Illa de Man/Artigo destacado/3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A loaghtan manx é unha raza de ovellas que ten orixe na Illa de Man. Ás veces tamén se coñece como loaghtyn ou loghtan. A súa pel é de cor marrón escura e a súa característica máis recoñecíbel é que adoita posuír dous pares de cornos e ocasionalmente tres pares.

A loaghtan manx descende dunha raza de ovellas primitivas que no pasado se podían atopar en Escocia, nas Illas Hébridas e nas Illas Shetland. O seu nome provén das palabras en lingua manx lugh dhoan, que significan rato marrón e que describen a cor da ovella. Críase principalmente para a produción de carne, que se considera unha delicia. A súa carne obtivo recentemente o recoñecemento de Denominación de orixe protexida pola Unión Europea.

Nos anos 1950 só quedaban 43 espécimes vivos. Grazas aos esforzos levados a cabo para a súa recuperación, hoxe en día hai arredor de 1.500 femias reprodutoras rexistradas no Reino Unido. Aínda así, séguese a considerar como en risco de desaparición.