Portal:Celtas/Artigo destacado/10

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O cristianismo celta (tamén chamado Igrexa celta) refírese en liñas xerais ás prácticas cristiás da Alta Idade Media desenvolvidas nas illas Británicas durante a última fase da dominación romana en torno ás áreas costeiras do Mar de Irlanda. A progresiva retirada das lexións romanas e a subseguinte Invasión anglosaxoa de Gran Bretaña reduciron o contacto entre os cristiáns celtas e bretóns das illas e os do continente. O illamento favoreceu a aparición de prácticas relixiosas diferenciadas, sobre todo en Irlanda, dende onde pasaron posteriormente a Gran Bretaña, grazas á labor de misioneiros como Columba de Iona e de Aidan, entre outros.

Algunhas veces, o termo "Cristianismo celta" emprégase tamén para describir as prácticas cristiás vixentes nestas zonas en datas posteriores; porén, debido a que a historia das igrexas irlandesas, galesas, escocesas, britanas, córnicas e manesas diverxen significativamente despois do século VIII, os historiadores xeralmente evitan o uso do termo neste contexto. Ademais, os historiadores non empregan o termo "Igrexa celta", debido a que iso implica un senso de ser unha entidade unificada e identificable separada da Cristiandade occidental.