Portal:Canadá/Cidade destacada/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Toronto é a maior cidade do Canadá, e a capital da provincia de Ontario. Sitúase na marxe norte do lago Ontario. Ten aproximadamente 2,5 millóns de habitantes na cidade propiamente dita e 5,9 millóns na zona metropolitana. Aproximadamente un terzo da poboación canadense vive dentro dun radio de 160 km da cidade. Alén diso, Toronto considérase unha das cidades máis dinámicas da América do Norte, atraendo millares de inmigrantes anualmente, desde a década de 1850. Os seus habitantes chámanse torontonianos (Torontonians, en inglés).

Coñécese a Toronto como o "motor da economía do Canadá", e é considerada unha cidade global, exercendo influencia significativa a nivel rexional, nacional e internacional. Toronto é o centro financeiro de Canadá, así como un dos principais centros culturais e científicos. Toronto é o maior polo industrial, financeiro e de telecomunicacións do Canadá. Posúe unha das máis diversificadas economías da América do Norte, coa maior concentración de sedes de empresas, institucións culturais e a maior comunidade artística do país. En xaneiro de 2005, Toronto foi escollida polo goberno canadense como unha das capitais culturais do Canadá. Toronto posúe un dos mellores padróns de vida da América do Norte e é unha das cidades máis seguras do continente americano, cunha taxa de criminalidade menor que calquera gran cidade americana, e unha das menores do Canadá.