Portal:Balonmán/Biografía destacada/1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Marian Cozma, nado o 8 de setembro de 1982 en Tei, Bucarest (Romanía) e finado en Veszprém (Hungría) o 8 de febreiro de 2009, foi un xogador de balonmán romanés que xogaba na demarcación de pivote. Desenvolveu a súa carreira profesional no CS Dinamo Bucureşti romanés e no MKB Veszprém KC húngaro. Foi internacional coa selección romanesa en 60 ocasións, marcando 115 goles.

Cozma foi guiado ao balonmán por seu pai, Petre, tamén xogador de balonmán, e comezou a xogar no CS Dinamo Bucureşti. Foi precisamente no Dinamo onde comezou a súa carreira profesional, xogando dende 2002 ata 2006, período no que gañou o campionato romanés na tempada 2004-2005. Durante o tempo que xogou no Dinamo, Cozma foi acoitelado unha vez preto da súa casa por un grupo de seareiros radicais dun equipo rival: "Preguntáronme se era Cozma do Dinamo e entón un deles acoiteloume polas costas", declarou. A pesar do incidente, Cozma recuperouse e pouco despois volveu á cancha. En 2006, asinou polo MKB Veszprém KC húngaro. Co seu novo equipo xogou a EHF Champions League na tempada 2006-2007, anotando 17 goles na competición. No 2008, gañou a liga húngara e a Recopa de Europa, derrotando ao Rhein-Neckar Löwen alemán na final.

Cozma foi asasinado o 8 de febreiro de 2009 cando estaba nun bar da cidade húngara de Veszprém e un grupo de 30 homes o agrediron. A pelexa continuou fóra do local, onde o xogador recibiu unha coitelada no corazón. Na liorta tamén se viron involucrados os seus compañeiros de equipo Ivan Pesic e Zarko Sesum, que tiveron que ser hospitalizados.