Partido Nacional Republicano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Partido Nacional Republicano (PNR) foi un pequeno partido republicano de centro que existiu durante o período da Segunda República Española: Estaba liderado por Felipe Sánchez-Román. De reducido tamaño e representación, tivo grande influencia, especialmente en círculos académicos.[1] Estaba composto fundamentalmente por profesionais e pequenos industriais progresistas.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Felipe Sánchez-Román era un prestixioso xurista e político republicano. Fora un dos participantes no pacto de San Sebastián e obtivera un escano por Madrid como independente nas eleccións a Cortes Constituíntes de 1931, dentro da candidatura republicano-socialista.[3]

Nas eleccións de 1933, Sánchez-Román refusou integrarse noutras candidaturas republicanas e presentouse novamente por Madrid en solitario,[4] sen conseguir escano (aínda que obtivo unha votación estimable, uns 27 000 votos, o 5% dos electores).[5] A finais de xullo de 1934, Sánchez-Román fundou o Partido Nacional Republicano, integrando a ex-deputados procedentes do grupo Al Servicio de la República (ARS), como Justino de Azcárate ou radicalsocialistas, como Ramón Feced,[6] trala negativa de Sánchez Román a aceptar a invitación de Martínez Barrio e Gordón Ordás para confluír en Unión Republicana (UR), a cuxa dereita se situou o Partido Nacional Republicano.[7][8]

Durante 1935 o Partido Nacional Republicano creou, xunto con Izquierda Republicana (IR) e Unión Republicana (UR), o embrión do que logo foi a Fronte Popular. O 12 de abril dese ano, os tres partidos publicaron un manifesto que esixía o fin da represión, opúñase a calquera reforma constitucional e anunciaba unha futura coalición electoral entre os tres partidos.[9] Os tres partidos aprobaron un programa electoral en agosto, pero non o fixeron público á espera de chegar a un acordo co PSOE,[9] sendo Sánchez Román o principal artífice do texto. O propósito de unir o PSOE á coalición tivo éxito e a finais de ano, o PSOE anunciou a súa disposición a integrarse na coalición de esquerdas. Porén, o empeño de Largo Caballero en estender o pacto a diversas organizacións situadas á esquerda do propio PSOE levou ao Partido Nacional Republicano a abandonar o que xa era coñecido como Fronte Popular, debido á negativa de Sánchez-Román a compartir coalición cos comunistas.[10] O Partido Nacional Republicano acordou non concorrer ás eleccións de febreiro de 1936, prohibindo ás súas organizacións provinciais o apoio a ningún candidato centrista.[11]

En maio o partido aprobou o borrador dun manifesto, que non chegou a facerse público, no que chamaba á constitución dun goberno forte con ampla base social e dotado de amplos poderes que fose quen de acabar cos extremismos de dereita e esquerda.[12]

A última intervención relevante do Partido Nacional Republicano antes da súa virtual desaparición durante a guerra civil foi a súa contribución ao goberno «nonnato» que Martínez Barrio tratou de constituír o 19 de xullo de 1936. O Partido Nacional Republicano achegou tres representantes ao gabinete[13] (o propio Sánchez Román, como ministro sen carteira; Justino de Azcárate, como ministro de Estado (Exteriores); e Ramón Feced, como ministro de Agricultura),[14] que non chegou a constituírse.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jackson 2008, pp. 196.
  2. Payne 2006, pp. 302.
  3. Tusell 1970, pp. 51.
  4. Tusell 1970, pp. 89.
  5. Tusell 1970, pp. 112.
  6. Avilés Farré 2006, pp. 268.
  7. Avilés Farré 2006, pp. 329-330.
  8. Payne 2006, pp. 74.
  9. 9,0 9,1 (Avilés Farré 2006, pp. 366)
  10. Ranzato 2006, pp. 236.
  11. Avilés Farré 2006, pp. 384.
  12. Avilés Farré 2006, pp. 421.
  13. Avilés Farré 2006, pp. 428.
  14. "Composición de los gabinetes de la Segunda República Española". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 09 de maio de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]