Os tolos do volante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os tolos do volante (en inglés Wacky Races) é unha serie de debuxos animados da produtora estadounidense Hanna-Barbera Productions sobre un grupo de 11 coches de carreiras que compiten entre si en diferentes carreiras, cos seus pilotos intentando gañar o título de «Piloto máis tolo do mundo». A serie era inusual polo gran número de personaxes habituais, vinte e tres en total.

Esta serie foi inspirada no filme A carreira do século[1] (The Great Race orixinalmente) (1965). Emitiuse orixinalmente na canle de televisión estadounidense CBS entre o 14 de setembro de 1968 e o 5 de setembro de 1970. Producíronse dezasete episodios, cada un dos cales incluía dúas carreiras distintas, facendo logo un total de trinta e catro carreras.

En Galiza emitiuse primeiramente en TVE coa dobraxe mexicana. Posteriormente emitiuse en galego na TVG dentro do espazo infantil Xabarín Club.

Sinopse[editar | editar a fonte]

Entre os corredores estaban o estereotipado vilán propio da serie, Dick Rañas[2] (Dick Dastardly, na versión orixinal), e o seu secuaz, o can Paspán[3] (Muttley no orixinal). Rañas lograba unha gran vantaxe e logo, coma Wile E. Coyote (o Coiote) nos debuxos animados do O Coiote e o Papaleguas, levaba a cabo todo tipo de elaboradas fazañas para facer que os demais corredores caesen en trampas, se desviasen, pinchasen ou se detivesen, só para ver como lle saía o tiro pola culata espectacularmente. A lección a aprender podería ter sido que Dick contaba cun dos coches probabelmente máis rápidos da serie e tería gañado varias carreiras se se houber concentrado nelas, no canto de argallar as trampas. Coma no caso do Coiote (Wile E. Coyote), Dick Rañas xamais gaña. Moitos dos plans de Dick son sospeitosamente familiares aos usados en episodios do Coiote e o Papaleguas, que pode deberse ao feito de que Mike Maltese fose guionista de ambas as duas series.

Un dos plans orixinais para a serie era que as propias carreiras serían parte de un concurso de televisión real con Merrill Heatter e Bob Quigley, o equipo responsábel da serie de televisión Hollywood Squares. O plan de Heatter e Quigley era que os concursantes apostasen a que coche tolo cruzaría primeiro a liña de meta.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dobrada a galego pola TVG
  2. Nome que se lle deu en galego pola dobraxe da TVG
  3. Nome que lle deron en galego pola dobraxe da TVG