O holandés errante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
"The Flying Dutchman" por Albert Pinkham Ryder

O holandés errante ou o holandés voador (De Vliegende Hollander) é o motivo central dunha chea de lendas marítimas. Segundo a tradición, é un barco pantasma que non pode volver a porto, condenado a vagar para sempre polos océanos do mundo. O veleiro sempre é visto na distancia, ás veces resplandecendo cunha luz pantasmal. Se outro barco o saúda, a súa tripulación tratará de facer chegar as súas mensaxes a terra, a persoas mortas séculos atrás.

Orixe da lenda[editar | editar a fonte]

As versións da lenda son innumerables. Unhas contan que a historia orixinariamente é holandesa, mentres que outras afirman que está baseada na obra de teatro The Flying Dutchman (1826), do dramaturgo inglés Edward Fitzball, e na novela The Phantom Ship (‘O buque pantasma’, 1837) de Frederick Marryat, máis tarde adaptada ao holandés como Het Vliegend Schip (‘O buque voador’) polo crego desa nacionalidade A.H.C. Römer. Outras versións aluden á ópera Der fliegende Holländer, de Richard Wagner (1841) e a The Flying Dutchman on Tappan Sea de Washington Irving (1855).

De acordo con certas fontes, o capitán holandés Bernard Fokke (do século XVII) serviu de modelo para o comandante do buque pantasma. Fokke foi célebre pola estraña velocidade de cruceiro que acadaba nas travesías entre Holanda e Xava, polo que se sospeitaba que firmara un trato co demo. Nalgunhas versións holandesas do mito, o capitán recibe o nome de Falkenburg. Marryat, na súa versión, dálle o nome de van der Decken (que significa 'en cuberta'), e recibe o de Ramhout van Dam na versión de Washington Irving. Uns e outros non se poñen de acordo á hora de chamar “holandés errante” ao barco ou ao capitán.

Así mesmo dise que este xurou, de cara a unha treboada, que non daría marcha atrás ata ter dobrado o Cabo de Boa Esperanza, aínda que lle custase chegar ao xuízo final. Falouse tamén dun horrible crime cometido a bordo do barco; e incluso dunha terrible epidemia que infectou á tripulación, á que por ese motivo non se lle permitiu desembarcar en ningún porto, sendo condenados dende entón —barco e mariñeiros— a navegar eternamente, sen posibilidade de pisar terra. En canto ás datas en que ocurriría, falouse de 1641, de 1680, de 1729 e outras datas.

A miúdo sinaláronse as similitudes e concordancias entre as lendas do Holandés Errante e o Xudeu Errante.

Na obra de Fitzball, ao capitán permitíaselle baixar a terra unha vez cada varios centos de anos para tratar de atopar unha muller coa que compartir a súa maldición. Na ópera de Wagner, cada sete anos.

Referencias culturais[editar | editar a fonte]

  • Correspóndese co Caleuche da Mitoloxía chilota (Chile)
  • Dous libros de Brian Jacques adaptan o mito: Castaways of the Flying Dutchman e a súa secuela The Angel's Command.
  • Unha película (1995) de Jos Stelling: De Vliegende Hollander.
  • Canción de Jethro Tull no seu álbum Stormwatch.
  • Canción de The Band (Rockin’ Chair)
  • Cadro de Albert Ryder no Smithsonian American Art Museum de Washington.
  • O buque pantasma novela escrita polo capitán Marryat
  • Canción do grupo alemán Von Thronstahl.
  • Novela gráfica de Carl Barks.
  • A ópera de Richard Wagner chamada O holandés errante de 1843
  • Un café no Barrio vermello de Ámsterdan.
  • The Homeward Bounders, libro de Diana Wynne Jones.
  • Flying Dutch, parodia baseada na ópera de Wagner, por Tom Holt.
  • Película (Pandora and the Flying Dutchman) protagonizada por Ava Gardner e James Mason.
  • Na película Spiderman, o Flying Dutchman é o loitador que se enfronta a Bone Saw antes que o protagonista Peter Parker.
  • En The Simpsons, o nome do restaurante do capitán Mcallister é The Fried Dutchman (O Holandés Frito).
  • Na serie animada SpongeBob, aparece un personaxe similar a unha pantasma chamada The Flying Dutchman.
  • No videoxogo Age of Empires, o holandés errante é un barco fantástico que se pode mover por terra.
  • Na película Pirates of the Caribbean: Dead Man's Chest, o Holandés Errante é conducido por un capitán chamado Davy Jones que recolle persoas a punto de morrer e os converte en escravos.
  • O concerto de Kerkrade ofrecido por André Rieu no 2004 é coñecido tamén como "The Flying Dutchman"
  • A compañía aérea KLM leva impresos no lateral de todos os seus aparatos "The Flying Dutchman"
  • No libro "A longa marcha" de Stephen King, a Olson, un dos personaxes principais, apódano "O Holandés Errante"

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]