North American F-86 Sabre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
F-86 Sabre
F-86A 01.jpg
Sabre F-86A
Tipo Caza
Fabricante North American
Primeiro voo 1 de outubro de 1947
Introducido 1949, USAF
Retirado 1994, Bolivia
Construídos 9.860
Esquema do Sabre

O North American F-86 Sabre foi un avión de combate transónico desenvolvido pola USAF nos anos 40, xusto despois do remate da Segunda Guerra Mundial, e foi un dos cazas de maior produción en occidente, sendo usado en forzas aéreas de máis de 30 países. É sobre todo famoso polo seu enfrontamento co MiG-15 soviético durante a guerra de Corea.

A pesar de desenvolverse a finais dos anos 40 e de quedar obsoleto unha década máis tarde, o Sabre demostrou ser capaz de adaptarse e continuou servindo como caza de primeira liña en moitas forzas aéreas. Os últimos exemplares retiráronse coa forza aérea de Bolivia en 1994.

O seu éxito permitiu que se construísen máis de 7.800 exemplares entre 1949 e 1956 nos Estados Unidos, Xapón e Italia. Foi de lonxe o caza occidental máis fabricado, cunha produción total de 9.860 de todas as súas variantes.

Fabricáronse variantes do Sabre en Canadá e en Australia. Do Canadair Sabre, a variente canadense, construíronse 1.815 unidades; e do redeseñado CAC Sabre australiano (tamén coñecido coma Avon Sabre ou CAC CA-27) producírose 112 exemplares.

Deseño[editar | editar a fonte]

O F-86 foi producido tanto como un caza-interceptador como un caza-bombardeiro. Varias versións foron introducidas durante a súa vida operacional, con melloras e distintos tipos de armamento. O XP-86 foi equipado cun motor General Electric J35-C-3 que producía 18 kN de empuxe. Este motor estivo fabricado pola división Chevrolet de GM ata que a produción foi entregada a Allison. O General Electric J47-GE-7 foi usado no F-86A-1 cun empuxe de 23 kN, mentres que o General Electric J73-GE-3 do F-86H xeraba un empuxe de 41 kN. A versión caza-bombardeiro (F-86H) podía levar 907 kg de bombas, incluído un tanque externo usado para cargar napalm. Foguetes non guiados de 70 mm foron usados nalgúns dos cazas en misións de adestramento, pero os foguetes de 127 mm cargáronse posteriormente en operacións de combate. O F-86 podía tamén equipar un par de tnques de combustible exectables (catro no F-86F a partir de 1953) que aumentaban o alcance do avión. Tanto a versión de intercepcióin como o cazabombardeiro levaban seis metralladoras M3 Browning de 12,7 mm alimentadas electricamente no morro (versións posteriores do F-86H estaban equipadas con catro canóns de 20 mm na vez das metralladoras). Disparando a unha velocidade de 1.200 proxectís por minuto, as metralladoras foron harmonizadas para converxer a 300 metros en fronte do avión, usando balas perforantes (AP) e perforantes incendiarias (API), cunha trazadora perforante incendiaria (APIT) cada cinco proxectís AP ou API. Os API usados durante a Guerra de Corea contiñan magnesio, deseñado para encenderse no momento do impacto pero que ardían pobremente sobre os 11.000 m xa que os niveis de osíxeno eran insuficientes para manter a combustión a esa altura. Inicialmente equipado co punto de mira manual computerizado Mark 18, modelos posteriores usaron o A-1CM que usaba rádar para calcular a distancia ao obxectivo. Posteriormente demostraría ser unha vantaxe significativa fronte aos MiGs en Corea.