Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols
Álbum de The Sex Pistols
Publicado28 de outubro de 1977 Reino Unido
10 de novembro de 1977 Estados Unidos
GravaciónOutubro de 1976
Marzo a xuño de 1977
Agosto de 1977
Duración38:47
Xénero(s)punk
Selo(s)Virgin Records e Warner Bros. Records
Producido porChris Thomas e Bill Price
Cronoloxía
- Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols The Great Rock 'n' Roll Swindle

Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols foi o primeiro e único álbum de estudio da lendaria banda punk The Sex Pistols. A día de hoxe é considerado un dos traballos musicais máis influentes do punk e o rock and roll en xeral. A tradución máis axeitada ó galego do título do disco sería Impórtanos un collón, aquí están os Pistolos ou Impórtanos uns collóns, aquí están os Sex Pistols".

En abril do ano 2016 a revista Rolling Stone colocouno no posto 3 da súa lista dos 40 mellores álbums de punk de todos os tempos.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

O álbum foi editado no Reino Unido o 28 de outubro de 1977 pola discográfica Virgin Records causando inmediatamente controversia pola inclusión da palabra "Bollocks" (testículos en inglés británico) no título. Decontado, iniciáronse accións legais para censurar o nome e prohibir a exhibición do álbum nas tendas de discos, como xa fixera o dono de Virgin Records Richard Branson no seu local de Nottingham. O 24 de novembro de 1977, o avogado defensor de Branson e os Pistols, John Mortimer, logrou demostrar ó xurado que a palabra "bollocks" era un uso lexítimo en inglés antigo para dicir crego, polo cal, simplemente non tiña ningún sentido no contexto do título. Ante a validez do argumento de Mortimer o xurado sentenciou que:

Much as my colleagues and I wholeheartedly deplore the vulgar exploitation of the worst instincts of human nature for the purchases of commercial profits by both you and your company, we must reluctantly find you not guilty of each of the four charges. (En galego: Por moito que os meus colegas e eu estoxemos a explotación dos peores aspectos da natureza humana co fin de lograr beneficios comerciais como o fai vostede e a súa compañía, debemos de mala gana atopalo inocente dos catro cargos.)

Porén, moito maior foi a controversia xerada polas letras de Anarchy in the U.K. e God Save the Queen, así como a arte de portada de Jamie Reid para o sinxelo desta última. Ámbalas dúas cancións foron marcadas como insultos á sociedade civil e á monarquía e particularmente God Save the Queen cara á raíña Isabel II. Ante isto, o vocalista Johnny Rotten e o guitarrista Steve Jones insistiron en afirmar que o ataque non era cara á raíña en particular senón contra o goberno británico en xeral. De calquera maneira, a controversia non fixo máis que aumentar as vendas do álbum.

Outra canción que causou un gran balbordo no Reino Unido foi Pretty Vacant, porén neste caso non pola súa letra senón pola peculiar pronunciación de Johnny Rotten na palabra "vacant". A súa esaxerada acentuación na sílaba "cant" emulaba foneticamente á palabra "cunt" (un vulgarismo inglés para dicir vaxina, traducible ó galego como "cona"). A pesar das suspicacias, Rotten nunca admitiu que esa fose a súa intención.

Never Mind the Bollocks tamén marcou un punto de inflexión no punk rock pola produción musical. O produtor Chris Thomas esmerouse en traballar o son clarificándoo e agregando guitarras ás gravacións orixinais no canto de lanzar o álbum coa música sen refinar como era característico nos grupos do xénero. Este asunto causou certo rexeitamento por parte dalgúns sectores do mesmo.

Moitas versións anteriores dos temas foran emitidas no Bootleg Spunk, editado pouco antes do lanzamento de Never Mind the Bollocks.

Listaxes e influencia[editar | editar a fonte]

Never Mind the Bollocks chegou axiña ó número 1 na listaxe británica de álbums máis vendidos, con todo, na listaxe estadounidense de Billboard só chegou ó número 106. En 1998, os lectores da Revista Q votárono como mellor álbum da historia, mentres que en 2000 a mesma revista o colocou no número 10 na súa listaxe dos 100 mellores discos británicos de tódolos tempos. En 2001, a canle VH1 colocouno no número 17 nunha listaxe similar. Pola súa banda, Rolling Stone calificouno en 1987 como o segundo álbum máis importante dos últimos 20 anos, por detrás de Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band de The Beatles e posicionouno no número 41 na súa listaxe dos 500 mellores álbums de tódolos tempos de 2003. Finalmente, os lectores de Kerrang! calificárono como o mellor álbum da historia do punk.

En xeral, gran parte dos críticos e músicos consideran a Never Mind the Bollocks, Here's the Sex Pistols como un dos discos máis importantes da historia do punk rock.

Lista de temas[editar | editar a fonte]

A primeira versión británica do álbum tiña orixinalmente once temas ata que a banda cambiou o seu parecer e solicitou a inclusión de Submission. Malia todo, por razóns comerciais Virgin non puido suspender a impresión e atrasar o lanzamento do disco, polo cal se incluíu de balde un póster e Submission nun sinxelo á parte. Como consecuencia, para a versión de doce temas emitida posteriormente en novembro de 1977 houbo moitas variantes erróneas na contratapa; nalgúns casos nomeando Submission, noutros omitíndoo, noutros incluíndo Belsen Was a Gas que non pertencía o álbum e noutros simplemente deixando a contratapa en branco.

Tódolos temas son atribuídos como composición conxunta da banda. As letras son todas obra de Johnny Rotten agás "Pretty Vacant" (Glen Matlock) e "Seventeen" (Steve Jones).

Lado 1

  • "Holidays in the Sun" (Steve Jones, Paul Cook e Johnny Rotten) – 3:22.
  • "Bodies" (Steve Jones, Paul Cook e Johnny Rotten) – 3:03.
  • "No Feelings" (Steve Jones, Glen Matlock, Paul Cook e Johnny Rotten) – 2:51.
  • "Liar" (Steve Jones, Glen Matlock e Paul Cook) – 2:41.
  • "God Save the Queen" (Steve Jones, Glen Matlock, Paul Cook e Johnny Rotten) – 3:20.
  • "Problems" (Steve Jones, Glen Matlock, Paul Cook e Johnny Rotten) – 4:11.

Lado 2

  • "Seventeen" (Steve Jones, Glen Matlock, Paul Cook e Johnny Rotten) – 2:02.
  • "Anarchy in the U.K." (Steve Jones, Glen Matlock, Paul Cook e Johnny Rotten) – 3:32.
  • "Submission" (Steve Jones, Glen Matlock, Paul Cook e Johnny Rotten) – 4:12.
  • "Pretty Vacant" (Glen Matlock e Johnny Rotten) – 3:18.
  • "New York" (Steve Jones, Glen Matlock, Paul Cook e Johnny Rotten) – 3:07.
  • "E.M.I." (Steve Jones, Glen Matlock, Paul Cook e Johnny Rotten) – 3:10.

Membros[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Lista dos '40 mellores álbums de punk de todos os tempos'". Rolling Stone. Consultado o 26 de setembro de 2018.