Neith (satélite hipotético)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Neith é o nome que se lle deu a un obxecto celeste observado por primeira vez por Giovanni Cassini, que coidaba que era a lúa de Venus. Determinaríase máis tarde que este satélite non existía, aínda que nos séculos XVII, XVIII, XIX, foi obxecto de discusión o feito de se existía ou non.

En 1672, Giovanni Cassini atopou un obxecto pequeno ó redor de Venus. Pero ó non estar moi seguro da súa observación, deixouno pasar pero, cando o volveu ver no ano 1686, fixo un anuncio formal sobre a posibilidade de existencia dunha lúa en Venus.

O obxecto volveu ser visto por moitos outros astrónomos ó longo dun amplo período de tempo: por James Short no 1740, por Andreas Mayer no 1759, por Joseph Louis Lagrange no 1761, dezaoito observacións no 1761, incluíndo unha na que se vía unha pequena mancha seguindo Venus cando este estaba en tránsito a través do Sol, oito observacións no 1764, e por Christian Horrebow no 1768.

Moitos astrónomos, pola contra, non puideron atopa-la citada lúa durante as súas observación de Venus, incluído William Herschel no 1768.

Cassini orixinariamente observou a Neith cun cuarto do diámetro de Venus. En 1761, Lagrange anunciou que o plano orbital de Neith era perpendicular ó da eclíptica. No 1777, J.H. Lambert estimara o seu período orbital en once días e 3 horas.

No 1766, o director do Observatorio de Viena especulou con que as observacións da lúa eran ilusións ópticas: a brillante imaxe de Venus era reflectida no ollo e volvía ó telescopio, creando así unha imaxe secundaria.

No 1884, Jean-Charles Houzeau, o primeiro director do Real Observatorio de Bruxelas suxeriu que esta "lúa" era un planeta o cal orbitaba o Sol cada 283 días. Así pois, o planeta estaría en conxunción con Venus cada 1080 días, o cal concordaba coas observacións rexistradas. Houzeau tamén foi o primeiro en darlle o nome da deusa exipcia Neith.

A Academia das Ciencias de Bélxica publicou un documento no 1887 cun estudo sobre cada unha das observacións de Neith. Determinando finalmente que a meirande para das observación podían ser explicadas polas estrelas veciñas a Venus, incluíndo Chi Orionis, M Tauri, 71 Orionis, Nu Geminorum e Theta Librae.


Ligazóns externas[editar | editar a fonte]