Naypyidaw

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 19°45′N 96°6′E / 19.750°N 96.100°E / 19.750; 96.100

Naypyidaw
နေပြည်တော်} (en birmano)
Uppatasanti Pagoda-02.jpg
Pagoda Uppatasanti
Situación xeográfica
Naypyidaw en Birmania
Naypyidaw
Naypyidaw
País Flag of Myanmar.svg Myanmar
Rexión Territorio de Naypyidaw
Xeografía
Altitude msnm
Superficie 7.054,37 km²
Poboación
Poboación 925.000 hab. (2009)
Densidade 130 hab/km²
Información
Código postal
Alcalde Thein Nyunt
Páxina web

Naypyidaw ou Nay Pyi Taw (en birmano: Naypyidaw.svg) é a capital de Myanmar. Situada na vila de Kyatpyae, no municipio de Pyinmana, na división de Mandalay. O seu nome significa "Cidade real" ou "Asento de reis" e o seu nome foi anunciado durante o transcurso do Día das Forzas Armadas celebrado en marzo de 2006, data considerada como a inaugural da cidade. A capital administrativa de Birmania foi oficialmente trasladada a Naypyidaw o día 6 de novembro de 2005 por decisión da xunta militar. A poboación da cidade é incerta, pero se pensa que rolda os 100.000 habitantes, cunha maioría de birmanos, e con minorías de chineses e indios. A relixión maioritaria dos habitantes é o budismo cunha minoría de cristiáns.

Localización[editar | editar a fonte]

A súa localización, nun campo a uns 3 quilómetros ao oeste da cidade de Pyinmana e a uns 320 quilómetros ao norte da antiga capital, Rangún, foi debido a que alí se atopaba un importante campo de adestramento para os soldados e oficiais do Exército Independente Birmano que se enfrontou primeiro aos británicos, e onde logo instalou o xeneral Aung San o seu cuartel xeral, que logrou a vitoria fronte ás tropas xaponesas durante a súa ocupación do país durante a Segunda Guerra Mundial. Pyinmana converteuse nunha icona para o exército birmano, xa que foi o lugar onde os birmanos lograron derrotar a exércitos invasores superiores.

A cidade atópase aproximadamente no centro do país, nun nó ferroviario e centro de comunicacións próximo aos estados de Shan, Chin e Karen, asegurando unha presenza militar continua preto das rexións máis conflitivas. Outra das vantaxes que presenta a nova localización é a súa situación afastada de Rangún, cidade conxestionada debido á súa gran poboación e que facía imposible a ampliación dos edificios gobernamentais. Segundo manifestou a oposición birmana ao réxime militar do país, a razón principal foi afastar a cidade da costa para protexela dunha posible invasión estranxeira liderada polos Estados Unidos.

Historia[editar | editar a fonte]

O actual goberno militar do país empezou o traslado dos ministerios desde Rangún a Naypyidaw o 6 de novembro de 2005. Cinco días máis tarde, o 11 de novembro, ás once da mañá, un segundo convoi de 1100 camións militares, que transportaban once batallóns e once ministerios deixaban Rangún en dirección á nova capital. A repetición do número 11 é debido ás observacións dos astros do astrólogo persoal de Than Shwe. Esperábase que a maioría dos ministerios estivesen na cidade cara ao final de febreiro de 2006. Con todo, debido á falta de escolas e outras infraestruturas, os funcionarios foron trasladados á cidade e separados das súas familias ata que a cidade dispuxese das infraestruturas necesarias. Ao leste da cidade atópase un complexo fortificado, onde reside o líder de Birmania, o xeneral Than Shwe. Os cuarteis xerais do exército están situados nun recinto separado dos ministerios, e os cidadáns teñen prohibido o entrar na zona militar. Os comerciantes e vendedores teñen restrinxida a súa área de traballo a unha zona próxima ás oficinas gobernamentais.

O 27 de marzo de 2006, máis de 12000 soldados desfilaron na nova capital no que foi o seu primeiro acontecemento público; un desfile multitudinario o Día das Forzas Armadas no día que se conmemoraba o aniversario da liberación do país da ocupación xaponesa. A toma de imaxes foi restrinxida ao lugar do desfile, tras o que se puido apreciar a silueta de tres enormes estatuas que representan aos reis birmanos Anawrahta, Bayinnaung e Alaungpaya U Aung Zeya, os tres reis máis importantes da historia do país.

En novembro de 2006, realizouse a cerimonia inaugural da construción dun gran complexo relixioso na nova capital, moi similar a Shwedagon en Rangún. O complexo estará coroado cun pagode de 98 metros, a mesma altura que a de Shwedagon, e deberá ser visible desde a maior parte da cidade.

O xornalista indio, Siddharth Varadarajan, quen visitou a cidade en xaneiro de 2007, describiu a inmensidade da nova capital como "o máximo seguro contra un cambio de réxime, unha obra mestra do urbanismo deseñado para derrotar calquera suposta revolución colorista - non mediante tanques e canóns de auga, senón por medio da xeometría e a cartografía".

Debido ás protestas antigobernamentais en Birmania de 2007, a ONU enviou a un enviado especial para avaliar a situación. O 30 de setembro de 2007 o enviado reuniuse co xefe da xunta militar birmana en Naypyidaw e posteriormente trasladouse a Rangún, onde se reuniu coa líder opositora Aung San Suu Kyi.

O 23 de maio de 2008 o secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon converteuse no primeiro dignitario estranxeiro que visito a nova capital da Birmania no escenario da crise humana desatada tras o paso do ciclón Nargis no país, conseguindo por parte do número un da Xunta militar, o xeneralísimo Than Swe, "o compromiso de permitir a entrada de todos os traballadores humanitarios, sexa cal for a súa nacionalidade", así como a aceptación por parte do réxime de que o aeroporto de Rangún fose utilizado como plataforma internacional para a distribución da axuda.