Misto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Proceso de combustión ó prender un misto de fósforo.

Un misto[1] é un utensilio funxible, consistente nunha zorrega que nun dos seus extremos (a cabeza) contén unha chisca de fósforo, que prende se se raña cunha superficie rugosa adecuada, como por exemplo o papel de lixa. Hainos de dous tipos: integral e de seguridade. Integral é aquel que prende por fricción en calquera sitio; o de seguridade só prende nun punto concreto. Tamén se poden clasificar polo tipo de material do que estea construída a varela, xa sexa madeira, papel ou papel con cera.

O principio de acendemento conséguese ao engadir enerxía para xerar unha reacción controlada de oxidación-redución prendendo un combustible.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Un antecedente podemos encontralo en Exipto hai 5500 anos, pequenos paus de madeira de pino impregnados de xofre que prendía ao contacto cunha chispa.

O primeiro misto moderno autocombustible inventouno en 1805 K. Chancel, axudante do profesor Louis Jacques Thénard de París. A cabeza do misto era unha mestura de clorato de potasio, xofre, azucre e goma. Prendía mergullando o extremo con esta mestura nun recipiente con ácido sulfúrico. Endexamais chegou a popularizarse por mor do seu alto custo e perigo.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1669 Hennig Brandt, un alquimista de Hamburgo illou o elemento fósforo. En 1680 a Robert Boyle ocorréuselle revestir de fósforo un pequeno anaco de papel, e poñer xofre na punta dunha estela de madeira, que ao ser esfregada contra o papel, prendía.

No ano 1817, un químico francés demostrou ante os seus colegas da universidade as propiedades do seu “misto etéreo”, que consistía nunha tira de papel tratada cun composto de fósforo, que ardía ao ser exposta ao aire. O papel combustible encerrábase hermeticamente nun tubo de cristal ao baldeiro. Para acendelo, rompíase o cristal e, apresuradamente, aproveitábase o lume, posto que a tira de papel só ardía uns instantes.

Un día do ano 1826 John Walker encontrábase no seu laboratorio intentando crear un novo explosivo. Ao remover unha mestura de produtos químicos cun pau, observou que no extremo deste secárase unha gota en forma de bágoa. Para eliminala, esfregouna contra o chan do laboratorio, provocando que prendese. Así foi inventado o misto de fricción. Walker escribiu logo que a gota no extremo do pau contiña sulfuro de antimonio, clorato de potasio, goma e amidón. Vendeunas baixo o nome "congreves", en alusión ao foguete congreve, pero o invento foi patentado por Samuel Jones, e comercializado co nome de "lucifers". Estes mistos presentaban unha serie de problemas: o cheiro era desagradable, a chama era inestable, a reacción inicial era sorprendentemente violenta, case explosiva, en ocasións lanzando chispas a considerable distancia.

En 1830,o químico francés Charles Sauria engadiu fósforo branco para quitar o mal olor. En cada caixa de mistos, que debía ser hermética, había suficiente fósforo branco como para matar a unha persoa, e os obreiros involucrados na súa fabricación sufriron phossy-jaw (fosfonecrosis) e outras enfermidades óseas debidas á inhalación dos vapores do fósforo branco, o que provocou unha campaña para prohibir a súa fabricación.

En 1836, o estudante de química húngaro János Irinyi, substituíu o clorato de potasio por dióxido de chumbo. Os mistos así fabricadas ardían uniformemente; chamóuselles mistos silentes. Irinyi vendeu o seu descubrimento a István Rómer, húngaro radicado en Viena, quen se fixo rico coa fabricación destes novos mistos.

Anos despois, debido á toxicidade do fósforo branco, prohibiuse por lei o emprego deste na fabricación de mistos. Finlandia promulgou esta lei en 1872, Dinamarca en 1874, Suecia en 1879, Suíza en 1881 e Holanda en 1901. Gran Bretaña levouna a cabo en 1910, os Estados Unidos aplicou un imposto especial en 1913, a India e o Xapón prohibírono en 1919 e a China en 1925.

Mistos de seguridade[editar | editar a fonte]

Os mistos de seguridade foron un invento do sueco Gustaf Erik Pasch en 1844 e foron mellorados por John Edvard Lundström unha década despois. A seguridade vén dada pola substitución do fósforo branco por fósforo vermello, e pola separación dos ingredientes: a cabeza do misto componse de sulfuro de antimonio e clorato de potasio, mentres a superficie sobre a que se frota é de vidro moido e fósforo vermello. No momento de esfregar ambas, debido á calor da fricción parte do fósforo vermello convértese en fósforo branco, este prende, e comeza a combustión do misto.

Mistos integrais[editar | editar a fonte]

Dous químicos franceses, Savene e Cahen, patentaron en 1898 un misto a base de sesquisulfuro de fósforo, no canto de fósforo puro, e clorato de potasio. Este era capaz de se acender esfregándoo contra calquera superficie rugosa, non era explosivo nin tóxico. En 1899, Albright e Wilson desenvolveron un método seguro de fabricar cantidades industriais de sesquisulfuro de fósforo, e comezaron a vendelo aos grandes fabricantes.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]