Microsoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non se debe confundir con Microcorpo.

En bioloxía os microsomas son formacións similares a vesículas de 20 a 200 nm de diámetro, que se orixinan como artefactos creados por técnicas de laboratorio que rompen as células (homoxenización) [1]. Están formados por fragmentos rotos do retículo endoplasmático, principalmente, e doutros orgánulos celulares. Os microsomas non están presentes nas células vivas [2]. O termo foi acuñado polo biólogo belga e premio Nobel Albert Claude para designar un dos produtos da ultracentrifugación do fígado triturado. Os traballos pioneiros de fraccionamento celular con microsomas feitos por Albert Claude, Christian De Duve e outros foron fundamentais para coñecer as características dos orgánulos celulares e o descubrimento de novos orgánulos [3].

Os microsomas poden ser concentrados e separados doutros restos celulares por centrifugación diferencial, na que a mostra é sometida en máquinas ultracentrifugadoras a enormes forzas de gravidade, miles de veces superiores á aceleración da gravidade terrestre (g), para que os seus compoñentes sedimenten secuencialmente. As células que no proceso non romperon, xunto cos núcleos, e as mitocondrias sedimentan a 10.000 g, mentres que os encimas solubles, e fragmentos do retículo endoplasmárico, que conteñen citocromo P450, permanecen en disolución. Centrifugando a 100.000 g, conséguese que sedimenten os fragmentos de retículo endoplasmático, que forman como gránulos no fondo do tubo da ultracentrífuga, pero os encimas solubles, debido ao seu menor peso molecular, permanecen aínda no sobrenadante. Desta maneira, pode concentrarse e illarse, por exemplo, o citocromo P450 presente nos microsomas. Os ribosomas unidos aos microsomas poden eliminarse cun tratamento con tripsina. Os microsomas teñen unha cor castaña avermellada, debido á presenza no citocromo P450 do cofactor hemo, que contén ferro. Os citocromos P450 (ou CYP) son unha superfamilia de encimas oxidativos especialmente abundantes no fígado de ratas, ratos e homes.

Os microsomas son unha valiosa ferramenta de investigación no estudo do metabolismo (inhibición encimática, identificación e eliminación de metabolitos) e para exames da interacción entre drogas in vitro[4] [5]. Os investigadores a miúdo seleccionan lotes de microsomas baseándose no nivel de actividade encimática de citocromos P450 específicos. Algúns lotes son axeitados para investigar poboacións específicas obxecto de estudo (exemplos: microsomas de pulmón para estudar a fumadores e non fumadores) ou poden ser divididos en clasificacións para estudos de inhibición e metabólicos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición [1]
  2. Voet Donald, Voet Judith G. (2004). Biochemistry (3rd ed.). Wiley. p. 1309. ISBN 0-471-19350-x.
  3. [2] Albert Claude.
  4. Human liver microsomes Xenotech
  5. R. Scott Obach. Prediction of human clearance of twenty-nine drugs from hepatic microsomal intrinsic clearance data: An examination of in vitro half-life approach and nonspecific binding to microsomes. [3]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]