Metamorfosis benezianas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Metamorfosis benezianas
Autor/aMiguel-Anxo Murado
Linguacastelán
EditorialPolar Ediciones
Data de pub.1983
editar datos en Wikidata ]

Metamorfosis benezianas é unha novela de fantasía, publicada en 1983 e escrita por Miguel Anxo Murado.

Características[editar | editar a fonte]

Foi o primeiro libro do autor. Cando se publicou, Miguel Anxo Murado tiña apenas dezaoito anos[1]. Obtivo o premio Café Gijón de novela curta en 1983[2], e foi editado en xuño dese ano pola editorial madrileña Polar Ediciones. Está escrita en castelán, pero ten algunhas frases e intervencións en galego. A novela nunca foi traducida a outros idiomas.

Estrutura[editar | editar a fonte]

A novela foi publicada inicialmente dividida en tres partes, sen un nome que as distinga e as identifique. Tampouco están numeradas. Ao final desas tres partes inclúe un dramatis personae coa lista dos principais personaxes da obra.

Ademais, a obra consta dun prólogo, titulado "Miguel Anxo Murado, novelista galaico-beneziano", da autoría de Claudio Rodríguez Fer. O prólogo está datado en abril de 1983, en Lugo.

Argumento[editar | editar a fonte]

Conta a experiencia do narrador, que regresa á cidade fantástica de Benezia, situada na costa norte de Lugo e que foi construída a imitación da Venecia italiana. O narrador, do que nunca se di o nome, estivo uns anos investigando tipos de embarcacións en Xixón e na China, para a súa aplicación nos canais da cidade.

A novela carece dun argumento lineal, e mestura as experiencias reais do narrador cos seus soños e experiencias febrís dunha enfermidade semellante á malaria (véxase, do mesmo autor, O soño da febre). A cidade, nunha ampla fase de decadencia económica e social, enfróntase a dous problemas principais: dunha banda, o suicidio nos canais das galiñas, verdadeira mascota de Benezia, e que viven en estado de completa liberdade por casas e rúas. Doutra, as disputas políticas entre os dous bandos enfrontados: os italianistas, que procuran unha revitalización da pegada italiana na cidade; e os austríacos, que defenden un sistema imperial de goberno da cidade.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ficha do autor Arquivado 05 de decembro de 2017 en Wayback Machine. na páxina web dos Premios da Crítica Galicia.
  2. Ficha de Miguel-Anxo Murado López na páxina web do Círculo de Bellas Artes de Madrid (en castelán).