Matanza dos españois

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rexión de Vestfirðir, onde se produciu o masacre.

A chamada matanza dos españois (en islandés: Spánverjavígin) foi un asasinato colectivo ocorrido en Islandia no século XVII. Uns baleeiros vascos chegaron nunha expedición de caza até Islandia en 1615 e alí foron asasinados tras conflitos coa poboación local da rexión de Vestfirðir.[1][2]

Contexto[editar | editar a fonte]

Na primeira metade do século XVI os baleeiros vascos desenvolveron a primeira industria baleeira a grande escala do mundo en Terra Nova. O centro desta industria eran dez portos da costa meridional da península do Labrador. Durante a etapa de apoxeo, nas décadas de 1550 a 1570, a frota estaba formada por unha trintena de barcos, tripulados por máis de dous mil homes, que capturaban unhas catrocentas baleas cada ano. A comezos do século XVII, a captura de baleas por parte dos mariñeiros vascos estendeuse até Islandia.

A matanza dos españois[editar | editar a fonte]

O ano 1615 foi difícil en Islandia por mor de que as costas permaneceron conxeladas até o final do verán e producíronse considerables perdas de gando. A mediados do verán, tres buques baleeiros vascos chegaron a Reykjarfjörður, en Vestfirðir. Os islandeses e os vascos tiñan un acordo mutuo polo que ambos se beneficiarían da empresa. Cando os barcos estiveron listos para partir a finais de setembro, levantouse un terrible vendaval[3] e os barcos foron empurrados até as rochas, onde quedaron esnaquizados. A maior parte da tripulación —uns oitenta— sobreviviu. Os capitáns Pedro de Aguirre e Esteban de Tellaria pasaron o inverno en Vatneyri (Patreksfjörður) e ao ano seguinte marcharon a casa. A tripulación de Martín de Villafranca dividiuse en dous grupos: un dirixiuse a Ísafjarðardjúp e o outro a Bolungarvík e despois a Þingeyri. O 17 de outubro Martín de Villafranca e os outros dezasete membros do seu grupo foron asasinados en Æðey e Sandeyri, en Ísafjarðardjúp.

Estas decisións foron instigadas polo maxistrado Ari Magnússon de Ögur en outubro de 1615 e xaneiro de 1616. Os vascos foron considerados criminais polas súas falcatruadas despois de que os seus barcos naufragasen e, segundo o libro de lexislación islandesa de 1281, decidiuse que a única opción correcta era executar a tantos como fose posible. En total 32 vascos, todos eles guipuscoanos, foron asasinados.[4]

Jón o Douto[editar | editar a fonte]

Jón Guðmundsson o Douto escribiu un relato crítico dos feitos, condenando a decisión do maxistrado local de ordenar os asasinatos na súa obra Sönn frásaga af spanskra manna skipbrotum og slagi (Un relato verdadeiro dos naufraxios e loitas dos españois). Jón afirma que foron asasinados inxustamente: desexando non tomar parte nos ataques, fuxiu a Snæfellsnes no sur.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]