Mary Dyer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mary Dyer conducida á forca en Boston, 1 de xuño de 1660. Por un artista descoñecido do século XIX

Mary Barrett Dyer, nada posiblemente en 1611 e falecida en Boston o 1 de xuño de 1660, foi unha cuáquera inglesa que foi aforcada en Boston, Massachusetts por desacatar reiteradamente unha lei que prohibía aos cuáqueros entrar na colonia de Massachusetts. É considerada a derradeira mártir relixiosa en América do Norte.

Mary Dyer coñeceu a Anne Hutchinson, quen predicaba que Deus "falaba directamente ás persoas" non só a través do clero. Dyer uniuse á causa de Hutchinson e involucrouse na chamada "herexía antinomianista", esforzándose por organizar grupos de persoas para estudar a Biblia, contravindo a lei teocrática da Colonia de Massachusetts Bay.

En 1638, Mary Dyer e o seu esposo, William, foron desterrados, xunto con Hutchinson, da colonia. Por consello de Roger Williams, o grupo de Hutchinson e Dyer mudouse a Portsmouth, Rhode Island. William Dyer, ao igual que outros 18 homes, firmou o Pacto de Portsmouth.

Mary Dyer e o seu esposo regresaron a Inglaterra con Roger Williams e John Clarke en 1652, cando Mary Dyer se uniu á Sociedade Relixiosa dos Amigos (cuáqueros) ao ouvir os sermóns do fundador da sociedade, George Fox, considerando que coincidían cas ideas que Hutchinson e mais ela sostiveran anos antes. Finalmente chegou a ser unha predicadora cuáquera.

Os Dyer volveron a Rhode Island en 1657. O ano seguinte, ela foi a Boston a protestar pola lei en contra dos cuáqueros, polo que foi arrestada e expulsada da colonia. O seu esposo, que non se proclamara cuáquero, non foi arrestado.

Mary Dyer seguiu viaxando por Nova Inglaterra para difundir a relixión cuáquera, polo que volveu ser arrestada en New Haven, Connecticut. Logo da súa liberación, foi a Massachusetts para visitar a dous cuáqueros ingleses que foran arrestados, e foi arrestada de novo e esta vez permanentemente desterrada da colonia. Regresou a Massachusetts por terceira vez cun grupo de cuáqueros para publicamente protestar contra a lei e desacatala. De novo foi arrestada e despois sentenciada a morte. Tras un proceso breve, outros dous cuáqueros foron executados, mais como o seu esposo era amigo do Gobernador John Winthrop, a ela concedeuselle un aprazamento no derradeiro momento-- en contra dos seus propios desexos xa que ela non quixera arrepentirse e negar a súa fé cuáquera.

Foi obrigada a regresar a Rhode Island, viaxou a Long Island, Nova York para predicar, pero a súa conciencia levouna a volver a Massachusetts en 1660 para retala lei anticuáquera. A pesares das súplicas do seu esposo e outros familiares, de novo negou o seu arrepentimento, e volveu ser condenada e sentenciada a morte o 31 de mayo. O día seguinte, Mary Dyer foi aforcada no centro de Boston polo delito de ser cuáquera en Massachusetts.

Nos seus derradeiros intres de vida, non amosou arrepentimento algún e foi publicamente executada ante a comunidade de Boston.

Existe unha estatua na súa honra fronte ao capitolio do estado de Massachusetts en Boston.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]