Mario González Zaera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMario González Zaera
Biografía
Nacemento17 de decembro de 1900 Editar o valor em Wikidata
Sarria, España Editar o valor em Wikidata
Morte3 de outubro de 1980 Editar o valor em Wikidata (79 anos)
Sarria, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Mario Benito Nicolás González Zaera, nado en Sarria o 17 de decembro de 1900 e finado no mesmo concello o 3 de outubro de 1980, foi un falanxista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Dimas González García, comerciante de Matilla de los Caños (Valladolid), que casou en Sarria con Ascensión Zaera Vázquez. Propietario do Laboratorio de especialidades farmacéuticas Kober en Sarria, foi impulsor de Falange Española en 1933. En 1935 foi nomeado Xefe Provincial de Falange de Lugo, aínda que só do sur da provincia, pois debido aos conflitos internos, Manuel Hedilla dividiu en dous sectores a provincia, adxudicando o norte a José Viador Traseira. O 18 de agosto de 1936 foi nomeado xefe territorial de Falange Española de Galicia. Asociado con Manuel Saco Rivera, realizou unha actividade abusiva no ámbito económico (subscricións que non foron entregadas ás oficinas recadadoras da Subscrición Patriótica e detraemento de importantes cantidades de diñeiro da tesourería de Falange) e extorsións, violencia física e asasinatos tamén contra autoridades militares e relixiosas.

Foi xulgado xunto a Eduardo Gómez Rodríguez, coñecido por Requejo, xefe comarcal de FE-JONS de Sarria. Foi cesado como xefe territorial de Galicia, sendo nomeando Delegado da Xunta de mando para as Illas Canarias durante un mes, transcorrido o cal foi trasladado a Salamanca como encargado de recruta e propaganda. En 1937 xunto con Manuel Hedilla e outros falanxistas que non querían acatar o Decreto de unificación, foi arrestado, acusado de traizón contra Franco e xulgado en consello de guerra con Eduardo Gómez e Luis López López, ex xefe local de Falange de Paradela, na causa 1/38, acusados de actividade conspiradora contra Franco, co obxectivo de minar a autoridade deste e atentar contra a súa persoa para conseguir a hexemonía de Hedilla. Foron condenados a morte, pero as sentenzas foron conmutadas polas de reclusión a perpetuidade. Permaneceu pouco máis de dous anos encarcerado cumprindo a sentenza, pois Franco concedeulle o indulto polo primeiro aniversario da vitoria, en abril de 1940.[1] Foi axente executivo do Concello de Madrid dende 1959, e en 1967 foi procesado por malversación de fondos municipais por uns dez millóns de pesetas; González Zaera depositou duascentas mil pesetas en concepto de fianza, pero non se presentou ao Xulgado cando tiña obriga de facelo, por iso a Audiencia Provincial de Madrid oficiou unha providencia de busca e captura á Dirección Xeral de Seguridade en novembro de 1970.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Pueblo Gallego, 3-4-1940, p. 1.
  2. La Voz de Galicia, 8-11-1970, p. 4.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]