Saltar ao contido

Mar adiante

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mar adiante
O debuxo dun bote ilustrou a tapa da ed. orixinal.[1]
Título orixinalMar adiante. Historias de nenos pra nenos
Autor/aMaría Victoria Moreno
Ilustrador/aMaría Victoria Moreno (ed. orixinal)
Araceli Liste (Ed. do Castro, 1986)
Manolo Uhía (Xerais, 2009)
CubertaCarmen Arias
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Narrativa
EditorialEdiciós do Castro
Data de pub.1973
Páxinas61
ISBNISBN 84-300-5745-5
editar datos en Wikidata ]

Mar adiante é unha obra narrativa de María Victoria Moreno, publicada por Ediciós do Castro en 1973, subtitulada Historias de nenos pra nenos. Fixo as ilustracións do libro a autora e a cuberta Carmen Arias.

Con esta primeira obra súa, a profesora converteuse nunha das voces pioneiras da narración en galego destinada ao público máis novo; e tamén é pioneira en introducir nenas protagonistas [2]. "Crarisa e o luceiro" -capítulo VII deste libro- gañou o segundo premio (dotado con 3.500 pesetas) do Concurso nacional de contos infantís O Facho en 1972.[3] A obra remata cun vocabulario galego-castelán para mellor entender o texto.

A pesar de que todas as historias do libro teñen un nexo común -o barco escola que parte de Portosouril- poden verse como historias diferentes[4]. A idea principal é que o ensino pode cambiar, a escola debe basearse na observación e na experiencia integrando a realidade dos nenos e nenas.

Na lapela do libro comenta Xesús Alonso Montero: "pra compor estes contos infantiles, María Victoria botóu mau de personaxes moi coñecidos neste xénero de historias: nenos, vermes, mariñeiros, estrelas, gaivotas, ventos, lobos, peixes, etc".

Unha mestra conta en primeira persoa que traballou nun colexio moi grande nunha gran cidade e que unha vez a chamaron para poñer escola nun barco, o Arroás. Ao volver ao colexio non lle creron o do barco, por iso escribiu a historia "pra vosoutros, rapaces".[5]

Miguel é un vello mariñeiro que aprendeu a facer barcos en Portosouril. Fixo moitos e tamén o ARROÁS, que na varanda poñía en letras azuis "ESCOLA" para que os nenos non choren na escola, para que saiban que as gaivotas non comen nenos e para que aprendan que o mar é o máis fermoso do mundo. A cousa viña de que o mestre, ao non saberen a táboa do sete, dixéralles que se ao día seguinte non a sabían irían todos ao mar cos libros amarrados ao pescozo e os comerían as gaivotas e os peixes.

Decíalle a leiteira a Mariquiña:
"- Ai, miña nena, heille decir ó meu home que faiga unha ducia de garabelos[6] pra poñelos na veiriña do camiño. Así, miña reina, non atoparás xamáis cun lobo vivo.
"Pro a leiteira cansábase moito vendendo o leite i esquencíase de tódalas causas ó chegar á casa.
"Decíalle o crego a Mariquiña:
"- Xa podes rezar, miña rapaza, pra non atopar co lobo no camiño. Eche moi turdio[7] o lobo, miña nena.
"pro o crego non sabía moito de lobos e confundíaos co mesmo demo.
"Decíanlle os rapaces de don Manoel a Mariquiña:
"- Has levar tódolos días un coello vivo no cesto. Se a topas co lobo, botaslle o coello e arripiolas.[8]

Miguel non quixo deixar o barco na man da rapazada e trouxo o capitán Xosé Luís e os mariñeiros Suso (poeta), Xaime (debuxante) e Tino (amigo das estrelas). A cociñeira era Lola quen fixo unha poesía para axudar a que se erguesen da cama os nenos.[9]

Parte o Arroás, deixa atrás a aldea e lémbrase a historia dun naufraxio de cando Xosé do Outeiro, chamado don Anaco:

Don Anaco, home malvado,
por non dar acougo ós pobres
o sol fuxiu do teu lado[10]

Os nenos contan contos e vai ser Sara quen fale de Mariquiña e o lobo: as xentes da comarca ó saberen esta historia comezaron a tratar os lobos con máis respecto.

Cambia o tempo, os tripulantes cantan cancións, dialogan cos paxaros e estes contan as súas historias.

Mirando para o Luceiro, Tino cóntalles aos nenos a historia dos vagalumes, os da terra e os do ceo.

É véspera de Nadal. Como facer a árbore? Lola camiña sobre a auga e vai traendo materiais para montala. Logo queda durmida e xa non esperta e os nenos pensan agasallos para ela.

O barco volve a terra, a mestra ao seu colexio, os nenos foron contarlle ao mestre que as gaivotas non comen nenos e Lola ficou no mar: Se vós queredes atopala, procurade no ronsel da lúa e veredes unha velliña delgada e souril camiñando sobor da iauga.[11]

Personaxes

[editar | editar a fonte]

Coma noutros libros seus, a autora coloca nomes de persoas achegadas no relato.

Xosé Luís é o nome do seu marido. Suso, o poeta, semella ser o seu amigo Xesús Rábade Paredes. Lola, a cociñeira, fai referencia á señora que traballaba no bar que estaba debaixo da súa vivenda. Nos nenos e nenas da escola están os nomes dos fillos do seu amigo Xesús Alonso Montero.[12]

  1. Imaxe da portada
  2. Ríos, Eli (2016). Mulleres bravas da nosa historia. María Victoria Moreno. Urco Editora. ISBN 9-788416-121632. 
  3. "O Día das Letras Galegas de 2018 estará dedicado a María Victoria Moreno…". RAG. 17/6/2017. 
  4. Pena Presas, Montse (2018). A voz insurrecta. María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Galaxia. p. 56-59. ISBN 978-84-9151-156-4. 
  5. Moreno 1973, p. 6.
  6. garabelo*: trampa de ferro para cazar ratas e ratos. garamelo.
  7. turdio*: malévolo, traidor.
  8. arripiolar*: botar a correr por medo.
  9. Moreno 1973, p. 13.
  10. Moreno 1973, p. 19.
  11. Moreno 1973, p. 55.
  12. Pena Presas 2018, p. 59.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]