Mecanoscrito da segunda orixe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mecanoscrito da segunda orixe
Nunha das edicións en galego a portada ten unha mazá vermella sobre fondo verde.
Título orixinalMecanoscrit del segon origen
Autor/aManuel de Pedrolo
OrixeCataluña
Linguacatalán
ColecciónCosta Oeste / Álbore
Xénero(s)Novela, ciencia ficción
EditorialCataluña Edicions 62
Galicia Editorial Galaxia
Data de pub.Cataluña 1974
Galicia 1989
ISBNISBN 978-84-7154-658-2
(1ª edición en galego)
TraduciónMaría Victoria Moreno
editar datos en Wikidata ]

Mecanoscrito da segunda orixe é unha novela de ciencia ficción escrita por Manuel de Pedrolo e publicada en 1974, escrita orixinalmente en catalán co título de Mecanoscrit del segon origen. Foi traducida ao galego por María Victoria Moreno e publicada por Galaxia en 1989.

Malia que non foi escrita especificamente para ese público, está considerada unha obra para o público xuvenil, entre o que ten unha grande acollida. É un dos libros máis lidos da literatura catalá, e foi traducido a diversos idiomas e reeditado en numerosas ocasións. Da versión en galego fixéronse 14 edicións (2010). Foi levada a televisión nunha serie de éxito producida e emitida por TV3 en 1985,[1] e en 2015 foi levada ao cinema co título de Segon origen.

Trama[editar | editar a fonte]

Alba é unha moza de 14 anos, e Dídac é un rapaz de 9, que viven en Benaura, unha vila rural catalá. Alba tirárase a rescatar a Dídac logo de que uns rapaces lle pegasen e o tirasen ao río por ser mulato. Xusto nese momento prodúcese un ataque alieníxena que extermina os mamíferos e esnaquiza algúns edificios, pero eles dous logran sobrevivir ao estar baixo da auga.

Logo do shock inicial, comezan a adaptarse á nova situación. Fuxindo do perigo dunha epidemia ao estar a vila chea de cadáveres, marcha á fraga. Primeiro instálanse nunha cova xunto a unha fervenza, e despois van a unha masía abandonada. Almacenan víveres e produtos necesarios para sobrevivir. Un día teñen un encontro cun alieníxena, con corpo humanoide, e mátano. Sotérrano e quedan cunha arma moi perigosa que lanza lume. Dídac pasa o sarampelo e Alba fractura unha tibia. Despois, cando dos corpos dos falecidos xa só quedan os esqueletos, marchan a Barcelona, e comezan a facer unha gran biblioteca rescatando exemplares de libros para preservar o coñecemento.

Despois marchan a unha aldea preto do río Llobregat na costa e comezan a cultivar plantas. Atopan o corpo dunha muller morta poucos días antes. Máis adiante inician unha viaxe en barco polo Mediterráneo. Nunha praia francesa atópanse con outros superviventes, pero Alba mátaos ao ver que son tres rapaces con intención de matar a Dídac para ter relacións sexuais con ela. Seguen percorrendo a costa, e chegan a Nápoles. Alí visitan o castelo e recollen unha estatua. Continúan cara ás illas gregas, e unha noite de verán que dormen na praia perden a virxindade. Dídac xa ten 12 anos e ela 17.

Logo do paso da amizade ao amor, fan a viaxe de regreso. Regresan cara a Cataluña e aséntanse nunha vila da costa. Alí, en primavera, Alba dá a luz sen problemas, e a vida con Mar (unha criatura moi morena) é moi feliz. Porén, un día Dídac ten un accidente e morre. Alba sotérrao, e explica que foi ela quen escribiu o relato, e que desexa que Mar creza para poder teren fillos.

O último capítulo é un texto xornalístico escrito 7.138 anos despois do masacre alieníxena, onde se especula sobre a autenticidade do texto. Considérase a Alba como a nova Eva, a nai da humanidade.

Narración[editar | editar a fonte]

O narrador omnisciente emprega moitas descricións, procurando explicar con claridade tanto as situacións coas que se atopan os rapaces como os seus pensamentos, desexos e ilusións. A ambientación espacial e temporal é realista, nomeándose numerosas vilas e rúas. Os materiais que usan son os propios da década de 1970. O autor non explicita a situación política existente antes do masacre.

Análise[editar | editar a fonte]

O poder de suxestión da obra nace das súas metáforas, que comparan o novo mundo co actual, indicando novas posibilidades de existencia. O descubrimento de moitos aspectos por parte da parella (como o papel da cultura e a relixión ou a sexualidade) favorecen o éxito da obra entre o sector xuvenil, ao sentirse os lectores identificados cos personaxes.

Os nomes dos protagonistas teñen tamén un valor simbólico: a moza chámase Alba porque é o inicio dunha nova humanidade, e Dídac ven de didáctica, pois aprende a sobrevivir e madurar (simbolizando o proceso de crecemento de calquera ser humano). En catalán, o nome de Mar é tanto masculino como feminino.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Mecanoscrit del segon origen (Serie de TV)". Filmaffinity (en castelán). Consultado o 1/1/2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]