Literatura en aragonés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A lingua aragonesa actualmente resiste nas súas formas dialectais nos vales pirenaicos e entre unhas ducias de neofalantes das cidades e vilas de Aragón, sempre co temor da desaparición que impregnou desde o comezo o xurdimento da literatura contemporánea nesa lingua. Cunha tradición literaria escrita escasa, a literatura actual desenvolvese entre unha literatura dialectal nas diversas variedades do aragonés e nun aragonés común, cunha coiné establecida polo Consello d'a Fabla Aragonesa nos anos 70.

Idade Media[editar | editar a fonte]

Glosas Emilianenses

O primeiro testemuño escrito en aragonés foron as Glosas Emilianenses (século XI), tradicionalmente consideradas o primeiro escrito do castelán mais que lingüístas actuais de recoñecido prestixio internacional adscriben sen dúbida ningunha ao aragonés ou ben a unha variedade rioxana do complexo lingüístico navarro-aragonés. Dende o século XI case todos os documentos, escritos en latín, presentan trazos aragoneses pero non foi ata o século XIII cando se xeneralizou o emprego do aragonés, por veces mesturado co castelán como é o caso de Razón feita d'amor (ca. 1205), Lo Libre dels Tres Reys d'Orient ou a Vida de Santa María Egipcíaca. Existiu unha prosa épica aragonesa, da cal só se conserva o Cantar da campá de Huesca incluída na Crónica de San Juan de la Peña. O aragonés estivo moito máis presente na prosa, destaca o Liber Regum (1194-1209), considerado o primeiro texto histórico escrito nunha lingua romance peninsular e o Vidal Maior, versión en aragonés dos Foros de Aragón; outras obras en aragonés son ˝Dez mandamentos", destinado aos confesores. Aínda que está en castelán presenta elementos aragoneses unha copia do século XV, conservada no British Museum, da Embaixada a Tamorlán de Ruy González de Clavijo. En 1380 a petición de Xoán I de Aragón traduciuse ao aragonés o Libro das Marabillas do mundo de Jean de Mandeville.

Johan Ferrández d'Heredia

Johan Ferrández d'Heredia creou en Aviñón na segunda metade do século XIV un obradoiro de tradutores onde se fixeron versións ao aragonés de obras historiográficas e literarias, traducindo a Plutarco, Marco Polo, Tucídides e Orosio. Tamén no século XIV (1369) se publicou a versión en aragonés da Crónica pinatense. A partir do século XV coa chegada dos Trastamara ao trono aragonés o castelán substitúe totalmente ao aragonés como lingua de cultura, pouco é o que se conserva en aragonés como unha tradución da Crónica de Bernat Desclot de mediados do século XV. Non obstante o aragonés sobreviviu na literatura alxamiada, isto é a literatura producida polos musulmáns aragoneses ben nun aragonés con trazos casteláns ou ben nun castelán con numerosos trazos aragoneses e numerosos arabismos escrito con carácteres árabes que se desenvolveu desde o século XIV ata 1610 cando foron expulsados da Península, obras como o Poema de Yuçuf, Historia dos amores de París e Viana forman parte desta literatura.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

A partir do século XVII o aragonés desapareceu como lingua literaria, tan só empregada para a redacción de poesías de carácter popular, a nómina de escritores foi escasísima, Ana Abarca de Bolea, abadesa de Casbas publicou en 1679 tres poemas, Albada del Nacimiento, Bayle Pastoril al Nacimiento e Romance a la Procesión del Corpus, tamén sobreviviu o aragonés nos dances, representacións dramáticas populares nas cales interveñen bailes.


Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

A escasa literatura que se produce en aragonés no século XIX e boa parte do XX é dun carácter marcadamente popular e localista, de carácter diglósico xa que só se escribe sobre determinados temas e exclusivamente na fala local sen intentar chegar a unha norma común. Leandro Gastón, autor dunhas poucas composicións en cheso e Bernardo Larrosa autor do sainete Un concello de aldea (1847) son practicamente os dous únicos autores salientables do XIX.

O século XX presenta maior variedade, tanto de autores como de temas, dentro da pobreza na que se move a literatura en aragonés, ata fins do século as obras aparecen en revistas locais, follas soltas, libros de festas ou permanece inédita, apenas se publican libros. Entre os autores da primeira metade do século Cleto Torrodellas (1868-1939), poeta popular de Estadilla con escasa formación cultural, non se sae da poesía popular destacando a súa última composición Banco de llosas gastadas sobre a fugacidade da vida. O cheso Domingo Miral (1872-1942) cunha maior formación cultura, era catedrático de grego, autor da comedia Qui bien fa nunca lo pierde e un sainete Tomando la fresca en la cruz del cristiano o a casarse tocan porén a súa calidade literaria é nula, son obras cheas de tópicos que pretenden recoller a fala de Echo e nas que as acotacións escénicas aparecen en castelán, reflectindo a diglosia da escasa literatura que se producía en aragonés. A vila de Graus contou cun pequeno núcleo de cultivadores da fala local, Dámaso Carrera, Vicente Lacambra e sobre todo Tonón de Baldomera (1904-1977), de orixe catalá autor de composicións populares de escasos recursos literarios. Pero será en Echo onde apareza o mellor poeta popular, Veremenundo Méndez (1898-1968) que dotou á variedade chesa dunha tradición literaria e foi considerado polos primeiros autores do aragonés común como o seu pai literario.

Na segunda metade do século XX, José Gracia (1899-1981) que escribe nun aragonés tinxido de occitanismos produto da súa estadía no sur de Francia, a súa mellor composición é O nieto y o agüelico; Nieus Luzía Dueso Lascorz (1930-), poeta lírica en Al canto'l Zinqueta (1980) e narradora en Leyendas de l'Alto Aragón (1985) e na novela La fuen de la Siñora (2002); Chusé María Ferrer (1954-), autor de Ta las fuens me'n voy (1985), primeiro poemario en benasqués, manifesta unha preocupación pola situación e a calidade da lingua empregada e a profundización lírica do eu; Chuana Coscujuela (1910-2000), autora de A lueca (a istoria d'una mozeta d'o Semontano) (1982), narración novelada da súa infancia, foi o primeiro libro que se escribiu na fala do Somontado e converteuse no máis vendido da literatura aragonesa, con tres edicións e 6000 exemplares; Chuaquín Castillo Bestue (1938-), autor da narración etnográfica "A casa maldada" (1989); Felis Gil del Cacho, pioneiro da prosa tensina con "O Tión" (1987); Pablo Recío (1914-1988) (alcume literario de Cleto Torrodellas Mur, sobriño de Cleto Torrodellas); Chusé Coarasa (1919-1988)

Literatura en aragonés común[editar | editar a fonte]

O verdadeiramente novidoso da segunda metade do século XX foi a aparición dunha literatura nun aragonés común, que ampliou temas coa pretensión de dotar á lingua aragonesa dunha literatura moderna e normalizar a lingua, a primeira obra escrita con conciencia de estar nun aragonés supradialectal foi A tierra de yo (1968), poema de Ánchel Conte e o primeiro libro foi o poemario Sospiros de l'aire (1971) de Francho Nagore, tras aprobarse as primeiras normas gráficas do aragonés a primeira obra que as seguíu foi Garba y augua (1976) de Eduardo Vicente de Mera. Poemario emblemático no afortalamento da literatura aragonesa foi No deixez morir a mío voz de Ánchel Conde en 1972. Chusé Inazio Nabarro é o mellor dos narradores con obras como Astí en do l'aire sofla ta sobater as fuellas d'os árbols (1989), Tiempo de fabas (1997), Chuan Galé -o cuaderno de tapas royas (2003), e a novela histórica, Reloch de pocha (2006).