Lingua kven

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Zonas de poboamento kven

O kven é unha variedade do conxunto dialectal peräpohjola do finlandés que falan en Noruega os kvens e que está recoñecido como lingua, por razóns políticas e históricas [1], minoritaria polo goberno noruegués desde o ano 2005 aplicándolle a parte II da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias o que é visto como insuficiente por organizacións defensoras do kven [2]. Estímase o número de falantes entre 2000 e 8000 malia todo pouca xente nova fálaa, considerándose unha lingua en perigo de extinción. O kven incorporou moitas palabras norueguesas e mantén formas arcaicas do finlandés.

Historia e distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Os primeiros testemuños escritos de asentamentos kven no norte do que hoxe é Noruega datan de 1520 pero a partir do comezo do século XVIII aumentaron o seu número, nun primeiro período ata 1820 establecéronse comunidades agrícolas no oeste de Finmark e no norte de Troms, nun segundo período entre 1820-1890 as comunidades, máis ligadas á minería e á pesca establecéronse no leste de Finmark, e o terceiro período foi de 1890 a 1930. Existen nese territorio inmigrantes finlandeses que emigraron con posterioridade pero xa non son considerados kven [3]

No século XXI a maioría dos falantes de kven localízanse no norleste de Noruega, nas localidades de Bugøynes, Neiden, Vestre Jakobselv,Vadsø e Børselv. Hai uns poucos falantes de idade nos concellos de Nordreisa e Storfjord.

Recoñecemento como lingua[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente en noruegués denominábase ás falas finesas do seu territorio kvænsk språk e era en orixe de carácter pexorativo [4], esas falas carecían de forma escrita pero a mediados da década de 1970 o lingüista kven Terje Aronsen comezou o proceso de recuperación e revitalización das falas kven como unha modalidade propia, relacionada pero diferente do finlandés estándar[5], que non se basea en ningún dialecto en particular senón que ten elementos de varios e mesmo regras gramaticais e léxico que non está presente en ningún dialecto, co nome de lingua kvena (kväävin kielen), que ao primeiro atopou oposición pero que adoptou a revista Ruijan Kaiku e que acabou popularizándose entre os kvens e finalmente o goberno noruegués recoñeceu en 2005 o kven como unha lingua independente pero aínda así permanece nunha situación precaria [6].

Status[editar | editar a fonte]

Instituto Kven

Desde 1860 o goberno noruegués intentou asimilar os kvens, prohibindo o uso da súa lingua nas escolas e na administración, e norueguizando os seus nomes e topónimos. A partir de 1969 permitiuse o ensino voluntario do finlandés, e nese marco comezou a se ensinar dentro da materia tamén a variedade kven no ensino primario, situación que se mantivo despois do recoñecemento do kven como lingua diferenciada. Desde o curso 2006 pódese estudar a lingua e cultura kven na Universidade de Tromsøe para a súa utilización polos alumnos Eira Söderholm escribiu a primeira gramática [7] A Asociación Kven de Noruega (Ruijan Kveeniliitto) é moi activa na reivindicación e promoción do kven, e organiza cursos para adultos nos seus centros locais. Logo do seu recoñecemento oficial en 2005 estableceuse o Instituto Kven aínda que non estivo totalmente operativo ata 2007, e que é un centro nacional para a lingua e cultura Kven que ten a súa sede en Børselv. Forman parte do Instituto o Consello da Lingua Kven, un órgano consultivo formado por lingüistas encargado de formular un estándar para o kven que ten que refrendar a Asemblea da Lingua Kven no que están representados os falantes.

Media[editar | editar a fonte]

Ruijan Kaiku é unha publicación que se edita desde 1995 dirixida á comunidade kven, a metade de cada número é en noruegués, un cuarto en finlandés e o outro cuarto en kven. Ao primeiro tiña carácter quincenal pero por problemas financeiros agora é mensual, de formato tabloide cada número conta con oito páxinas e tiña 530 subscritores en 2012. Existe un programa semanal de 12 minutos de radio na NRK en finlandés que inclúe irregularmente contido en kven. Tamén existe un anuario con artigos académicos, Arina.

Literatura[editar | editar a fonte]

Hai unha rica literatura tradicional oral, que consiste en poesía popular, contos, lendas, cancións, ademais de aparecer en xornais, revistas e traballos etnográficos. A partir da década de 1980 aparecen antoloxías publicadas por autores kven, en 1987 Olav Beddari Niin saapi sanoa con textos tradicionais, en 1994 Reidun Mellem Ei hiva tøtta: Ei sam- ling kventekstar con textos de diversos autores, e en 1995 Ruijan laulukirja onde Bjørnar Seppola e Terje Aho recollen psalmos e cancións tradicionais pero é Alf Nilsen- Børsskog o que puxo os alicerces da literatura kven ao publicar en 2004 a novela Kuosuvaaran Takana, escrita algúns anos antes, unha historia épica kven situada na Segunda Guerra Mundial, seguíronlle Aittiruto e Rauha (2011) e os libros de poesía Muistoin maila (2008), Älä unheeta minnuu (2010), Poiminttoi (2010) e Korrui tien varrela (2010). No ano 2011 Agnes Eriksen publicou os dous primeiros libros infantís en kven.

Fonoloxía[editar | editar a fonte]

A fonoloxía do kven é praticamente a mesma do finlandés pero mentres o finlandés estándar substituíu /ð/ por /d/, o kven mantívoo.


Vogais[editar | editar a fonte]

O kven conta con 16 vogais:

Anterior Posterior
Non redondeada Redondeada Non redondeada Redondeada
Pechada i iː y yː u uː
Media e eː ø øː o oː
Case aberta æ æː
Aberta ɑ ɑː


Na escrita, a vogal longa indícase dobrando a letra, e.g. <yy> /yː/ and <öö> /øː/. Os grafemas que representan /ø/, /æ/ e /ɑ/ son <ö>, <ä> e <a>, respectivamente.


Consoantes[editar | editar a fonte]

O kven conta con 14 consoantes presentes no seu léxico patrimonial, e catro máis que só aparecen en préstamos:

Bilabial Labiodental Dental Alveolar Postalveolar Palatal Velar Glotal
Nasal m n ŋ
Oclusiva xorda p t k
sonora b d ɡ
Fricativa xorda f s ʃ h
sonora ð
vibrante r
Aproximante ʋ l j


/b, d, ɡ, ʃ/ só se atopan en préstamos.


/ʋ/ e /ʃ/ represéntanse na escrita como <v> e <š>, respectivamente.


/ð/ represéntase na escrita como <ð> ou <đ>.


/ŋ/ represéntase na escrita como <n> se segue /k/, e <ng> se é xeminada, p.e. <nk> /ŋk/ e <ng> /ŋː/


A xeminación indícase na escrita dobrando a letra, p.e. <mm> para /mː/ e <ll> para /lː/


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pia Lane "The birth of the Kven language in Norway: emancipation through state recognition"International Journal of the Sociology of Language.Volume 2011, Issue 209, Pages 57–74
  2. Alternative report from the Norwegian Kveni Association/Ruijan Kveeniliitto (2005)
  3. Anna Riita Lindgren "Linguistic variation and the historical sociology of multilingualism in Kven communities" in Ernst Håkon JahLanguage Change: Advances in Historical Sociolinguistics Walter de Gruyter, 1999
  4. Clive Archer e Pertti Joenniemi The Nordic Peace (2003) Ashgate Publishing, páx. 183
  5. Carl A. Grant e Joy L. Le Global Constructions of Multicultural Education: Theories and Realities (2001) Routledge, páx. 145
  6. European Charter for Regional or Minority Languages – b. Fifth report of the Committee of Experts in respect of Norway
  7. Enikő Molnár Bodrogi: Strategies of language revitalization in Scandinavia. Journal of. Linguistic and Intercultural Education. 2008/1, 123-131


Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]