Kim Ki-duk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Kim Ki-duk (en hangul 김기덕), nado o 20 de decembro de 1960 en Boghwa (Corea do Sur), é un director de cine. É un dos máis coñecidos representantes da vangarda cinematográfica dese país. Provén dunha familia de clase obreira e non recibira formación técnica como cineasta, comezando a súa carreira á relativamente tardía idade de 33 anos como guionista e director.

Autor dunha ducia de obras ás veces altamente experimentais, é distintivo o ritmo pausado do seu cine, o forte contido visual moitas veces cruento, o parsimonioso uso do diálogo e o énfase en elementos criminais ou marxinais da sociedade. Este último reflexa a posición de Kim dentro da sociedade surcoreana en xeral, e o ámbito fílmico en particular.

Biografía[editar | editar a fonte]

Kim naceu en Bonghwa, na provincia de Gyengsang do Norte, no seno dunha familia rural. Transladados a Seúl cando tiña 9 anos, educouse para traballar na agricultura, pero abandonou a súa formación para traballar como obreiro fabril ós 17 anos. Alistouse na infantería de mariña do exército surcoreano con 20 anos, e prestou servizo como suboficial ata os 25. Despois dedicouse á pintura —unha afición que tiña desde cativo—, gañándose a vida como acólito nun templo budista.

Foi en París onde acudiu por primeira vez ó cine. Entre as primeiras películas que viu estaban The Silence of the Lambs, de Jonathan Demme, e Les Amants du Pont-Neuf, de Leos Carax, que lle causaron unha grande impresión. De regreso ó seu país, a súa recén descuberta afición levouno a presentarse a varios concursos de guións. En 1993 obtivo o premio maior do Instituto Nacional do Guión de Corea do Sur por Un pintor e un criminal condenado a morte. En 1994 logrou a terceira praza do concurso organizado polo Consello Coreano de Cine (KOFIC) con Doble exposición, e ó ano seguinte o premio maior do KOFIC por Cruce imprudente. Aínda que ningún destes guións se chegou a rodar, o seu éxito permitiulle obter un contrato con Joyoung Films para rodar Ag-o (악어), a brutal historia dun grupo de persoas sen fogar que viven baixo unha ponte sobrevivindo a forza de astucia e violencia. Ag-o anticipou a conxunción de fotografía delicada e trama brutal que caracterizaría á obra subseguinte de Kim. Obtivo pouco éxito coa prensa local, pero conseguiu unha praza no Festival Internacional de Cine de Pusan, onde se proxectou na sección Panorama Coreano.

O festival de Pusan foi un dos principais puntos de exhibición de Kim nos anos seguintes. O seu primeiro guión transformouse en Yasaeng dongmul bohoguyeog (야생동물 보호구역), rodada en 1996 nas rúas de París, que se exhibiu no Festival Internacional de Vancouver. En 1998 Paran daemun (파란대문) elaborouse sobre outro guión premiado por KOFIC e tivo máis exposición internacional, proxectándose na Berlinale e no Festival de Cine de Karlovy Vary; un cambio rotundo no estilo fílmico do autor, un híbrido entre melodrama adolescente e denuncia social, ambientado nunha pequena cidade portuaria onde unha moza prostituta é o único sustento da familia que mantén o pequeno hostal onde leva ós seus clientes. A relación agridoce entre a filla da familia empobrecida e a prostituta é un dos puntos centrais do film, evocado logo noutras obras do autor.

No 2000 rodou dúas películas: a moi experimental Siljae Sanghwang (실제상황), rodada en apenas 200 minutos e montada en tempo real, acerca dun artista da rúa, a súa ex-moza, e outros personaxes que atravesan a praza na que este ofrece as súas obras durante a hora longa que dura a película. Tamén rodou a obra que lle representaría o salto á fama crítica internacional: Seom (섬). Unha amorosa narración da relación entre un fuxitivo da lei e a propietaria dun centro de pesca, na que os inquilinos habitan tendas flotantes no lago. Seom fíxose notoria entre outras cousas pola crudeza dalgunhas escenas, que levaron ó desmaio dun crítico na súa premiere no Festival Internacional de Cine de Venecia. A presencia dunha prostituta, unha figura recorrente na filmografía de Kim, atraeu a ira do público coreano, e a violencia dalgunhas escenas provocou reaccións de desagrado, pero a obra estableceu firmemente ó seu autor como unha presenza significativa, proxectándose nunha ducia de festivais en todo o mundo. Suchwiin bulmyeong (수취인불명) abriu o festival de Venecia ó ano seguinte, e Nabbeun namja (나쁜 남자) —unha nova incursión no mundo da prostitución forzada e a violencia como vínculo amoroso— foi o seu primeiro éxito de billeteira, entre outras razóns mercede á presenza de Jo Jae-hyeon no papel principal.

A súa seguinte película, Haeanseon (해안선) contou coa presenza dunha estrela local, Jang Dong-kun, pero resultou menos efectiva que as anteriores. No 2003 Bom yeoreum gaeul gyeoul geurigo bom (봄여름가을겨울그리고봄) atraeu novamente a atención masiva, sobre todo pola maior accesibilidade dunha película desprovista por completo de violencia. Coa primeira presenza de Kim fronte ás cámaras no papel dun ancián monxe budista, as súas obsesións coa violencia, a crueldade e a futilidade cíclica da vida, desplázanse agora ó comentario das diversas pasións que atravesan a vida dunha persoa. Foi tamén a primeira das súas películas en acadar distribución a gran escala fóra dos festivais, e fixou as bases para que as posteriores Samaria (사마리아, que obtivo o Oso de Prata ó mellor director en Berlín no 2004) e Bin-jip (빈집, gañadora do premio equivalente en Venecia) aparecesen no circuito comercial.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Ano título coreano título transliterado significado en galego
1996 악어 Ag-o Crocodilo
야생 동물 Yasaeng dongmul bohoguyeog Animais salvaxes
1998 파란 대문 Paran daemun
2000 실제 상황 Shilje sanghwang Ficción real
Seom A illa
2001 수취인불명 Suchwiin bulmyeong Enderezo descoñecido
나쁜 남자 Nabbeun namja Malas compañías
2002 해안선 Haeanseon O gardacostas
2003 봄, 여름, 가을, 겨울 그리고 봄 Bom yeoreum gaeul gyeoul geurigo bom Primavera, verán, outono, inverno... e outra vez primavera
2004 사마리아 Samaria A samaritana
빈집 Bin-jip fogares vacíos (estreada como Hierro 3)
2005 Hwal O arco
2006 시간 Shi gan Tempo
2007 Soom Alento
2008 비몽 Bimong Soño triste

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]