Juan Ignacio Otero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Otero
Información persoal
Nome Juan Ignacio Otero Couceiro
Nacemento 1 de xuño de 1929
Lugar de nacemento A Coruña
Falecemento 27 de xullo de 2019
Lugar de falecemento A Coruña
Posición Porteiro
Carreira xuvenil
Volante F.C.
Liceo de Monelos
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1945–1948 Deportivo Xuvenil
1948–1958 Deportivo da Coruña 129 (0)
1948-1952Deportivo Xuvenil (cedido)
1958–1962 Betis 51 (0)
1962–1966 Granada 91 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Juan Ignacio Otero Couceiro, coñecido como Otero, Floreal e Parrocho,[1] nado na Coruña o 1 de xuño de 1929 e finado na mesma cidade o 27 de xullo de 2019, foi un exfutbolista galego. Xogaba de porteiro e destacou no Deportivo da Coruña, o Betis e o Granada.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Otero naceu e criouse no barrio de Hércules,[2] na Coruña. Ademais do fútbol, destacou noutras disciplinas deportivas como o mergullo e a natación, chegando a ser campión de Galicia e subcampión de España nos cen metros costas, en 1949.[3]

Futbolisticamente, empezou a xogar en modestos equipos coruñeses, como o Liceo de Monelos, ata que con 15 anos se incorporou ao Deportivo Xuvenil, co que xogou en Terceira División durante sete tempadas. Foi fichado polo Deportivo da Coruña na tempada 1948–49, aínda que ficou cedido no Xuvenil ata o ano 1952.[4] Nos seus inicios era coñecido co alcume de Floreal, recibindo máis tarde o sobrenome de Parrocho de parte de Molaza, que lle chamaba así pola súa afección a comer tapas de parrochas no bar Otero.[5]

Na tempada 1952–53 comeza a xogar no Deportivo da Coruña, co que debutou en Primeira División o 14 de setembro de 1952, ante o FC Barcelona. Tras alternar a titularidade, acabou ocupando o posto do emblemático Juan Acuña, retirado en 1954. Un ano máis tarde, o club coruñés sumaba o primeiro Trofeo Teresa Herrera da súa historia.

Tamén viviu a cara amarga, co descenso do Deportivo en 1957. Tras un ano en Segunda División co club branquiazul, a tempada 1958/59 foi traspasado ao Real Betis, onde xogou catro tempadas en Primeira División. Logo, fichou polo Granada CF, por entón en Segunda División. Permaneceu no club granadino ata 1966, ano en que conseguiu o ascenso a Primeira División. Por discrepancias coa directiva, rexeitou a renovación, polo que o club aplicoulle o dereito de retención, o que lle levou a retirarse con 37 anos.

Tras colgar as luvas, regresou a A Coruña, onde montou o seu propio negocio, un taller de mármore. Durante algún tempo, continuou vinculado ao fútbol como adestrador de porteiros do RC Deportivo e o Orillamar.[6]

Finou na Coruña no verán do 2019, cando contaba 90 anos de idade[7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Adiós a Parrocho, el sucesor de Juan Acuña y mito del Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 27-7-2019. Consultado o 28-7-2019. 
  2. "CanalDeportivo - Páxina Oficial do R.C. Deportivo da Coruña". Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2013. Consultado o 27 de xuño de 2010. (en castelán)
  3. "A cidade que vivín » Un futbolista de carácter". Arquivado dende o orixinal o 07 de abril de 2010. Consultado o 27 de xuño de 2010. (en castelán)
  4. "Otero fue "objetivo" del Atlético madrileño y de otros clubs importantes". La Noche nº 9.732 (en castelán). 7 de maio de 1952. p. 3. 
  5. "Lo que le están haciendo a Fran no tiene nombre". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de abril de 2005. p. 34. 
  6. "CanalDeportivo - Páxina Oficial do R.C. Deportivo da Coruña". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2009. Consultado o 27 de xuño de 2010. (en castelán)
  7. Carlos Miranda (27-7-2019). "Fallece Juan Ignacio Otero, histórico meta del Dépor". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 28-7-2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]