Jacob Roggeveen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jacob Roggeveen

Jacob Roggeveen, nado en Middelburg o 1 de febreiro de 1659 e finado na mesma cidade o 31 de xaneiro de 1729, foi un explorador neerlandés, comisionado para atopar a Terra Australis que descubriu accidentalmente a Illa de Pascua.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo de Arend Roggeveen, erudito que interesado pola cartografía e a navegación, estudou a localización da mítica Terra Australis e en 1675 chegou a propoñerlle a súa procura ao parlamento holandés [1] Jacob estudou dereito e foi desde 1683 notario na súa cidade natal. En 1706 entrou nas Compañía Holandesa das Indias Orientais, exercendo comoRaadsheer van Justitie ("xuíz supremo") en Batavia desde 1707 ata a súa volta á súa cidade natal en 1714. Alí entrou nas controversias relixiosas locais da época, apoiando aó predicador liberal Pontiaan van Hattem co panfleto De val van 's werelds afgod ("A caída do ídolo mundial") que publicou na súa primeira parte en 1718, porén o concello confiscou a tiraxe, queimándoa en público. Jacob estableceuse na localidade próxima de Vlissingen e máis tarde na pequena vila de Arnemuiden tamén próxima, onde publicou a segunda e terceira parte do seu panfleto.

Exploracións[editar | editar a fonte]

Itinerario da expedición de Roggeveen

Seguindo as ideas do seu pai, o 1 de agosto de 1721 partiu ao servizo da Compañía Holandesa das Indias Occidentais cunha expedición que tiña o propósito de atopar a Terra Australis. Consistía de tres barcos, o Arend, o Thienhoven, e o Afrikaansche Galey e contaba con 223 tripulantes, entre eles o seu irmán Jan.

Moeda conmemorativa samoana dos 250 anos da chegada a Samoa de Jacob Roggeveen

Roggeveen dirixiuse cara ás Canarias seguíu por Trindade para se dirixir cara ao Estreito de Le Maire continuando ao sur ao longo do paralelo 60 sur para entrar no Océano Pacífico aportando preto de Valdivia. Visitou o Arquipélago Juan Fernández, onde permaneceu do 24 de febreiro ao 17 de marzo, avistando a illa coñecida pola poboación local como Rapa Nui o 5 de abril de 1722, domingo de Pascua e que bautizaron illa de Pascua [2] A expedición seguíu camiño polo Arquipélago Tuamotu, as Illas da Sociedade e Samoa, tras perder un dos navíos, o Afrikaansche Galey e coa tripulación exhausta, os navíos restantes diríxonse a Batavia, chegando o 5 de outubro, alí as autoridades arrestaron a Roggeveen por violar o monopolio da Compañía das Indias Orientais, confiscaron os navíos e venderon a carga. Posteriormente liberárono e compensaron á expedición polas perdas causadas, amais de pagar á tripulación. En 1723 Roggeveen volveu aos Países Baixos e publicou a cuarta parte de De val van 's werelds afgod.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Paine, Lincoln P. (2000) Ships of Discovery and Exploration Houghton Mifflin Harcourt, p. 10
  2. Lal,Brij V. e Fortune, Kate (2000) The Pacific Islands: An Encyclopedia, Volume 1. University of Hawaii Press, p. 151