Interludio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En lingüística, fálase de interludio cando á hora de segmentar unha palabra en sílabas, non resulta doado determina-la fronteira silábica, por mor de se presentaren unidades consonánticas en determinadas posicións que non se deixan atribuír claramente a unha sílaba ou a outra.

Casos posibles de interludio son as realizacións dos arquifonemas /I/ e /U/ en posición intervocálica: caiado, eue (-e paragóxico), ou deu a cara.

Domingo Prieto considera que estes arquifonemas teñen unha dobre cara pois no seu corpo fónico hai un elemento vocálico e outro consonántico.

Amable Veiga non acepta esta explicación e indica que o único que posúen de consonántico é a súa distribución, que os sitúa exclusivamente nas marxes silábicas. No suposto de que, como di Domingo Prieto, houbese nelas un elemento vocálico e outro consonántico terían que poder repartirse en dúas sílabas, e achámonos con que eses dous elementos son simultáneos e non sucesivos.

Segundo Veiga resulta indiferente que a fronteira silábica vaia antes ou despois da realización do arquifonema, ou que estea indeterminada. O problema carece de interese fonolóxico.